Os Samsung Galaxy S10 estrean modo Noite

luns, 22 de abril do 2019 Marcus Fernández

O pasado Xoves Santo deron conta de que en Suíza os usuarios de smartphones da serie Galaxy S10 estaban a recibir unha actualización que activaba un novo modo fotográfico na cámara dos dispositivos, o espectacular modo Noite, presente tamén en teléfonos da familia Pixel, e que consegue disparar fotografías luminosas en contornos de moi pouca luz grazas ao uso da intelixencia artificial.
Esta nova funcionalidade chegou xa aos dispositivos españois, polo que podemos entender que xa está espallada globalmente, e aínda que este novo modo de disparo fotográfico non consegue ser tan espectacular como o do Pixel 3 ou o P30 Pro, consegue un resultado bastante bo, que probablemente vaia mellorando en posteriores versións, xa que é un bo exemplo de como a fotografía dixital depende cada vez máis do software.
De feito, Samsung leva certo retraso neste tipo efectista de fotografías, probablemente porque non lle dedicaron atención dende o departamento de I+D (probablemente porque o efecto que conseguen é pouco realista), xa que os teléfonos que sacan a dianteira aos Galaxy S10 neste apartado vense claramente derrotados no resto de modos de fotografía e vídeo. Podemos considerar que coa emerxencia deste modo fotográfico Samsung o que busca é dar a opción ao usuario de realizar un tipo de fotografía que non consideraron importante de lanzamento, pero ante a que detectaron certa demanda.

PUBLICIDADE