O Samsung GALAXY Note 3 supera os 10 millóns de unidades vendidas

martes, 10 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que a presentación en sociedade do primeiro Samsung GALAXY Note pillou por sorpresa ao presentar un formato de smartphone dun tamaño que parecía esaxerado, demostrouse que existe unha alta demanda deste tipo de produto, e como boa proba diso temos que o GALAXY Note 3 vén de superar os 10 millóns de unidades vendidas a nivel mundial, seguindo os pasos dos seus dous modelos anteriores, e entrando no club dos móbiles de Samsung que conseguiron superar tal barreira (formado actualmente por 14 terminais).
O primeiro móbil de Samsung en superar os 10 millóns de unidades vendidas sería o SGH-T100, un clásico terminal de tapa cunha prominente antena, que iniciou a senda do éxito de Samsung en 2002, non sendo ata 2009 cando conseguiu que as pantallas táctiles se impuxesen con modesto GT-S5230 Star, que sería o precursor do GALAXY S, que en 2010 marcou o camiño que actualmente segue a compañía surcoreana.
No que se refire ao Samsung GALAXY Note 3, temos que destacar o logro de que este terminal conseguise superar os 10 millóns de unidades a só mes e medio do seu lanzamento, mentres que para conseguir tal volume de vendas o GALAXY Note II precisou de 4 meses e o primeiro GALAXY Note tardou 9 meses para superar tal barreira.

Infografía cos móbiles de Samsung que superaron os 10 millóns de unidades vendidas

PUBLICIDADE