O SITE organiza este xoves unha xornada sobre empresas de éxito na Rede

mércores, 15 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

En cuestión de negocios, a Rede dáche un pouco de todo. Por unha banda permíteche competir no gran circuíto das empresas internacionais en igualdade de condicións, e pola outra sométeche á presión inevitable de quen viaxa a tempo completo a toda velocidade. Con todo, os especialistas coinciden en que botarse de cheo á Internet ten máis vantaxes que ficar á marxe, non xa a medio ou longo prazo, senón neste intre que vivimos. O que se precisa é o mesmo que precisaríamos se nos foramos moi lonxe: guías. Disto, de pór sobre a mesa recursos de todo tipo para acadar o noso gran obxectivo na Internet, darnos a coñecer, é do que trata a xornada que organiza este xoves día 16 a Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE), dentro do proxecto EmprendeTIC 2009.
A sesión, que se desenvolverá no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a partir das 19.00 horas, xirará arredor de cuestións como a posta en marcha de negocios virtuais.
Co fin de tirarlle partido abondo a estes e outros temas relacionados, o encontro contará coa presenza de recoñecidos expertos en comercio electrónicos e empresas na Rede, que amais de tratar fundamentos teóricos falarán polo miúdo das súas experiencias de éxito nos negocios en liña.
Asemade, ao longo da xornada explicarase como pór en marcha un negocio en Internet, avaliando temas de interese como os aspectos xurídicos do correo electrónico ou os medios e canles de pagamento máis estendidos (e axeitados) na Rede. Por certo que tamén está prevista a participación na xornada de dúas empresas lucenses de recente creación, desenvolvidas ao abeiro da Fundación CEL, que levan a cabo o seu labor a través de tendas en liña.
Coma en anteriores xornadas, ao remate do encontro realizarase un sorteo que, nesta ocasión, premiará a un dos asistentes cun disco duro multimedia de 500 xigas cargado co software necesario para montar a súa propia tenda on line.

PUBLICIDADE