O SINC estrea un boletín electrónico á carta para os seus usuarios

martes, 12 de maio do 2009 Raquel Noya

O Servizo de Información e Novas Científicas, (SINC) vén de por en marcha un boletín electrónico “á carta” no que os usuarios rexistrados poden seleccionar o tipo de contidos que buscan (novas, reportaxes, entrevistas…), as áreas temáticas e territoriais que desexan que se inclúan no boletín así como a periodicidade coa que desexan recibilo (diaria ou semanal) na súa conta de correo electrónico.
Asemade, os xornalistas rexistrados no sevizo de novas poderán recibir alertas de publicacións científicas, informacións embargadas, convocatorias de axenda e propostas de contidos á carta sen ter que estar pendiente de solicitalas cada día ou vixiar que se reciben correctamente. Para comezar a recibir o boletín, hai que entrar na web do SINC e rexistrarse no servizo, que é totalmente de balde.
A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) puxo en marcha SINC co obxectivo de aumentar a presenza de informacións científicas de calidade nos medios de comunicación e achegar a ciencia á cidadanía. As informacións do SINC reflexan os achados de investigadores españois en institucións públicas e privadas, tanto nacionais como internacionais. Dende o seu lanzamento oficial en febreiro de 2008, SINC non deixou de medrar e de engadir novas funcionalidades á súa plataforma. Na actualidade este organismo conta con máis de 300 xornalistas e 400 institucións científicas españolas rexistradas, así como 1.400.000 páxinas vistas ao mes.

PUBLICIDADE