O SGI achegará axudas para afianzar as novas tecnoloxías entre as mulleres do rural

martes, 1 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A fenda dixital é especialmente ampla cando falamos do rural en relación coas cidades. Por moito que se estea avanzando no terreo de favorecer o acceso á Rede dos territorios non urbanos, segue a haber un gran desequilibrio de oportunidades. A situación agrávase aínda máis se o que medimos é a distancia que afasta da Sociedade da Información ás mulleres do rural. Co fin de traballar para que esmoreza, o Servizo Galego de Igualdade vén de dar a coñecer un proxecto que (enmarcado dentro doutro proxecto, o Programa Emega) ten dúas vertentes: achegarlles axudas a explotacións agrarias de titularidade feminina para a dotación tecnolóxica de acceso á Rede e, por outra banda, contribuír a un bo manexo destas ferramentas con diversos labores de formación e asesoramento.
A idea na que se apoia esta iniciativa, aprobada este luns no marco do plan actual de actividades de 2008 do SIG, tamén é dupla: preténdese traballar a prol da mellora na xestión e a competitividade das devanditas explotacións e, asemade, favorecer o proceso normalizador do uso das novas tecnoloxías no eido rural.
Segundo informa o propio departamento de Vicepresidencia, o novo plan de actividades para este exercicio incorpora tamén a celebración de diversos encontros de empresarias galegas e estranxeiras; e a realización, en colaboración do Instituto Galego de Estatística, de diversos estudos sobre as mulleres da nosa terra.

PUBLICIDADE