O SERGAS rexistrou preto de tres millóns de citas médicas de atención primaria en 2014

luns, 10 de agosto do 2015 Redacción

Cando falamos de usos prácticos das TIC resulta inevitable citar o caso do servizo de cita médica para atención primaria, pois é posiblemente o caso de aplicación da tecnoloxía máis visible para o cidadán de a pé, e os datos que manexa o Servizo Galegao de Saúde parecen confirmalo, xa que tras facer balance do ano 2014 dan conta de 2.999.108 citas solicitadas a través da súa páxina web.
A evolución deste servizo foi meteórica, partindo de 6.905 citas solicitadas durante os primeiros 7 meses de funcionamento en 2001 até 1.675.926 citas rexistradas no primeiro semestre de 2015. E aínda que para certa poboación parece que a cita electrónica é practicamente a única, por resultarlle a máis cómoda, aínda queda moito que mellorar, pois polo momento a través da web só se realizan pouco máis do 13% das solicitudes, véndose esta canle moi superada polas citas telefónicas e en persoa no propio centro de saúde.
Estamos ante un claro exemplo de evolución da relación dos cidadáns coas Administracións públicas, de xeito que ao igual que coa cita médica vía web evitamos estar pendentes de que nos atendan telefonicamente ou ter que desprazarnos fisicamente, o resto de trámites coa Administración poderán continuar a súa dixitalización simplificando a burocracia e supondo un aforro tanto para as entidades públicas como para os propios cidadáns á vez que mellora a prestación do servizo.

PUBLICIDADE