O SERGAS estrea o primeiro procedemento de inscrición en liña nas listas de contratación

mércores, 2 de novembro do 2011 Raquel Noya

O Servizo Galego de Saúde, coincidindo co inicio do prazo previsto para a apertura das listas de contratación habituais (en soporte físico), vén de habilitar o primeiro procedemento de inscrición en prazos a través do expediente electrónico, que comeza a utilizarse para as categorías de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, radioterapia, hixiene bucodental, imaxe para o diagnóstico clínico e laboratorio de diagnóstico clínico.
Este servizo virtual que xa ten xerado máis de 800.000 accesos dende a súa posta en marcha o pasado mes de xullo, permitirá que se axilicen os trámites de inscrición e publicación das listas de contratación, así como a baremación para acceder ao posto de traballo no SERGAS, que será automatizado.
O formulario telemático está accesible dende hoxe ata o vindeiro 30 de novembro, e está aberto tanto para o persoal interesado que reúna os requisitos como para a promoción profesional do persoal fixo.
Dende a Xunta informan que “cos aspirantes chegarán a elaborarse preto de 50 listas, correspondentes ás citadas categorías e áreas de xestión”.
As solicitudes de inscrición en listas realizaranse nun formulario oficial a través do Fides/expediente-e no apartado de Procesos, que está dispoñible dende hoxe na páxina web do Servizo galego de Saúde.
Este novo sistema de inscrición en liña, que por certo gaña en accesibilidade e transparencia, substitúe o anterior formulario en papel polo que permitirá aforrar, polo de pronto, arredor duns 40.000 euros.
As persoas interesadas dispoñen, asemade, de medios técnicos para inscribirse nos 29 puntos de atención situados nos centros de xestión do Servizo Galego de Saúde.

PUBLICIDADE