O SERGAS confíalle a Televés o seu proxecto de habitación intelixente

mércores, 19 de novembro do 2014 Redacción

Con cincuenta anos de experiencia tras de si, Televés
- a empresa compostelá de fabricación de equipos para a distribución de servizos de telecomunicacións- vén de gañar o concurso público convocado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para o desenvolvemento da chamada habitación intelixente. Estamos perante un proxecto integrado no plan de innovación sanitaria Hospital2050 que impulsa a Xunta de Galicia para crear o modelo de futuro da administración sanitaria. Dicir que este proxecto ten unha dotación de arredor de 900.000 euros e un prazo de execución dun ano.
Indo ao miolo da idea, trátase dunha iniciativa pioneira en España de aplicación de novas tecnoloxías á xestión clínica baixo o modelo da compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTI), e cofinanciado ao 80% por fondos FEDER. A habitación intelixente ten entre os seus obxectivos: mellorar a seguridade de pacientes e profesionais, axilizar os tempos dos procesos hospitalarios e posibilitar o seu seguimento e control, mellorar a comunicación do doente e a súa contorna co persoal sanitario, e optimizar a comodidade e intimidade dos enfermos hospitalizados. Para iso, o proxecto prevé a automatización do rexistro de constantes e a súa integración na historia clínica electrónica, así como facer máis doada a xestión e operación dos dispositivos clínicos.
E para facer realidade todo isto Televés fornecerá ao Servizo Galego de Saúde dun sistema baseado nun concentrador de sinais que poderá ler os datos procedentes de varios sensores. Estes lectores identificarán ao paciente sen posibilidade de erros e medirán constantes clínicas (parámetros fisiolóxicos xornais e aperiódicos, determinacións bioquímicas, datos contextuais...) e ambientais (temperatura, humidade, luminosidade ou nivel de ruído) que se achegarán de xeito automático ao historial do doente e poderán ser consultados polo persoal facultativo e de enfermaría, quen poderá acceder a eles en tempo real a través da rede de computadores, pantallas ou dispositivos móbiles do centro hospitalario.
A habitación intelixente quere: mellorar o proceso de identificación de doentes ou a administración de medicamentos, garantir o seguimento e rexistro das medicións clínicas efectuadas, ou facer máis sinxelo o intercambio de información entre facultativos. Asemade, o persoal sanitario poderá adicar máis tempo a atender as necesidades dos enfermos e contará con novos recursos para involucrar ao propio paciente no seu coidado persoal.

PUBLICIDADE