O Reto FalAI, Premio Paraugas de Ouro 2023 e á mellor campaña de impacto positivo

mércores, 22 de novembro do 2023 S. P.

O reto FalAI impulsado por Balidea e atlanTTic vén de ser recoñecido co Premio Paraugas de Ouro 2023, un dos galardóns especiais da VIII edición dos Premios Paraugas, que este ano celebráronse no Teatro Jofre de Ferrol e que recoñeceron unha vez máis as iniciativas destacadas no ámbito da mercadotecnia e a comunicación a nivel galego. O reto tamén se fixo co premio na categoría de Mellor Campaña con Impacto Positivo.
Galardóns do Clúster de Comunicación
Os Premios Paraugas outórgaos o Cluster de Comunicación de Galicia, composto por 233 entidades entre as que se atopan empresas, asociacións e centros tecnolóxicos e de formación e teñen o obxectivo de “destacar a pluralidade e fortaleza dos proxectos publicitarios e de comunicación máis innovadores, creativos e de maior impacto positivo”. Os gañadores desta edición foron escollidos por un xurado de expertos que resaltou a calidade das preto de 300 propostas deste ano, e sobre as que se escolleron un total de 55 finalistas.
Recadar voces en galego: obxectivo cumprido
Balidea e o centro de investigación atlanTTic (Universidade de Vigo) puxeron en marcha a iniciativa FalAI co obxectivo de “recadar exemplos de voces en galego que permitisen logo adestrar Intelixencias Artificiais para dominios específicos como poden ser a saúde, os coidados ou os trámites administrativos”, en palabras de Balidea e atlanTTic, que confiaron na axencia de publicidade Recados Carmen para levar adiante a campaña de difusión necesaria para este reto. Despregouse unha campaña en diferentes plataformas para chegar a todos os públicos. “En apenas unhas semanas a campaña cumpriu e superou o seu obxectivo, polo que se rexistraron máis de 260.000 gravacións coa participaron arredor de 12.000 persoas”, explican, engadindo que Recados Carmen “entendeu á perfección o desafío e conseguiu aliñar a súa idea creativa coa carga emocional que nós viamos e sentíamos co proxecto”. E apuntan: “É por iso que non podemos sentir maior alegría e orgullo con este logro”. O resultado de todo este traballo é a base de datasets aberta para asistentes virtuais máis grande do mundo en calquera idioma, cun total de 250 horas de gravación.
O mellor resultado para unha campaña cargada de emoción
“Desde Balidea e atlanTTic buscabamos trasladar a importancia de poder comunicarnos co mundo dixital en calquera lingua e, principalmente naquelas de poucos recursos, como é o caso do galego. Queríamos facelo dende o punto de vista daquelas persoas que poden quedar excluídas e que isto poida acentuar a súa vulnerabilidade”, engaden, apuntando que os dous spots principais que elaborou Recados Carmen conseguiron “recoller toda a esencia da campaña nos seus 55 segundos”. Protagonizados pola actriz Aurora Maestre, Chama á miña neta e Que día da semana é posúen, en palabras de Balidea e atlanTTic, os ingredientes precisos de interpretación e dramatismo para “representar claramente dúas situacións nas que unha persoa pode quedar excluída do mundo dixital”.
Ademais, o Reto FalAI contou cunha potente campaña en redes sociais mobilizada a través do cancelo #A30frases e apoiada en influencers e persoeiros do audiovisual galego, como Esther Estévez do programa Dígocho Eu da TVG, ou Virtudes, a Repunante representada pola xornalista María Foscaldo.
Igualdade lingüística en Europa
Balidea, xunto con atlanTTic, foi seleccionada pola iniciativa European Language Equality (ELE) para contribuír á igualdade lingüística no ámbito dixital en Europa. Foi neste contexto no que naceu a iniciativa FalAI e a súa campaña de difusión.
Os seus resultados presentáronse MetaForum 2023 en Bruxelas, o evento de referencia en Europa no ámbito da igualdade dixital das linguas, como contribucións á Axenda Estratéxica de Investigación, Innovación e Implementación para alcanzar a plena igualdade dixital nas linguas europeas ata o ano 2030 (SRIA). Entre esas contribucións está a creación dunha guía sobre como deseñar conxuntos de datos SLU en escenarios de escasos recursos, tendo como exemplo a campaña FalAI que vén de ser premiada.
O proxecto FAlAI segue activo a través da plataforma falai.balidea.com.

PUBLICIDADE