O Queixo San Simón da Costa e a festa que o conmemora en Vilalba collen folgos na Rede

mércores, 4 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

O Queixo San Simón da Costa, un dos nosos produtos gastronómicos de meirande potencial de mercado, ten nova presenza na Rede. O obxectivo dos responsábeis da mesma é, precisamente, facer todo o posíbel porque ese potencial se aproveite e acade desenvolvemento. De aí a feitura e o deseño, acorde cos novos tempos e tendencias, e de aí a achega multilingüe, con posibilidade de acceder en castelán, galego, francés, inglés e mesmo en chinés e árabe. De aí tamén a súa vertente directa nas redes sociais.
A páxina colle folgos estes días coa celebración en Vilalba da nova edición da Festa do Queixo San Simón da Costa, os días 7 e o 8 abril, un festexo que aparece detallado polo miúdo e dende tódolos puntos de vista posíbeis, tal e como lembra o xerente do consello regulador da dita denominación de orixe, Ángel Ramil Castelo, que nunha entrevista con El Progreso explica así os obxectivos da nova feitura promocional, que afecta ao aspecto da marca e máis á páxina web: “O que se tenta é potenciar a imaxe de marca, que cando se vexa o logo se asocie inmediatamente co San Simón”. Ao seu xuízo, o cambio non é radical, pero si que se fixo fincapé en modernizar a imaxe e por afianzar o produto nas redes sociais. Este proceso está a ser un éxito, engade, xa que se pasou de ter poucas visitas a contar cun número importante delas. “Na web, no que vai de ano, tivemos máis de 2.300, no foro van 775, en Twitter temos máis de 700 seguidores e hai programado un día do queixo San Simón na Rede”, engade en declaracións a El Progreso. A cita celebrarase o 7 de abril, coincidindo co primeiro día da celebración de Vilalba. Xa hai internautas de toda España subindo receitas, abríndose ao público en xeral a posibilidade de participar a través da etiqueta #7AdíadelquesoSanSimón

PUBLICIDADE