O Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas de Galicia consolida na nosa terra o emprego da eFactura

martes, 10 de novembro do 2015 Redacción

De entre o amplo abano de servizos autonómicos en liña para as nosas empresas e autónomos, sen dúbida, un dos máis interesantes (polo nivel de comodidade e accesibilidade que pon en xogo e, tamén, polas portas que abre ao uso do dixital no noso tecido empresarial) é o Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas da Comunidade Autónoma de Galicia. O servizo, que non ten límites no seu prazo de presentación (o prazo é todo o ano, as 24 horas do día) permite presentar facturas en formato Facturae a calquera das entidades adheridas ao mesmo (preto dun milleiro de departamentos, organismos, institucións e servizos galegos) e consultar o seu estado de tramitación. Hai que lembrar que Facturae é o estándar de factura electrónica aceptada pola Axencia Tributaria nas relacións cos seus provedores derivadas da contratación de obras, subministracións, asistencias técnicas e servizos.
Volvendo ao Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas de Galicia e o seu funcionamento, hai que sinalar que para presentar facturas no devandito formato podemos acceder con certificado ou sen el. Se optamos pola primeira vía, precisaremos dun certificado dixital válido emitido por calquera das entidades de certificación recoñecidas pola Consellería de Facenda.
Amais do devandito, o servizo permite tamén consultar o estado de tramitación das nosas facturas electrónicas (mediante o Código Seguro de Verificación) ou, tamén, descargar unidades tramitatorias (consultas da relación de órganos xestores e unidades tramitatorias que aceptan facturas a través do devandito Punto Xeral de Entrada). Hai que lembrar igualmente que o portal que dá acubillo ao servizo achégase en tres linguas, en galego, castelán en portugués.
Por certo que a entidade encargada de achegar o soporte técnico para a implantación e o mantemento preciso para este servizo é o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, o CIXTEC.
En definitiva, o Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas de Galicia é o portelo unificado da Xunta para recibir facturas en formato electrónico por parte dos seus provedores. Este sistema autonómico fornece aos provedores de todo o que poden precisar para a emisión das facturas. Entre os seus cometidos, alén das vantaxes salientábeis que pon ao alcance da man das empresas e os autónomos, está o de axilizar o propio funcionamento da Administración autonómica, contribuíndo ao control e o coñecemento da tramitación das facturas e máis á mellora dos períodos de pagamento aos provedores.
A orixe e os precedentes deste servizo están no Sistema Electrónico de Facturación (SEF), un recurso habilitado hai anos para permitir a recepción centralizada das facturas electrónicas e o seu tratamento na Administración xeral da Comunidade Autónoma e nas demais entidades adscritas ao sistema. Segundo informa o CIXTEC, organismo encargado de darlle soporte ao SEF, a día de hoxe o sistema é empregado pola totalidade dos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén é utilizado por diversas entidades públicas de natureza empresarial dependentes da Xunta.
Por último, hai que recordar que a posta en funcionamento do Punto Xeral responde ao novo impulso que está a recibir a Administración Electrónica en Galicia, no Estado e tamén en Europa: a Administración Electrónica, en relación ás propias institucións públicas, á cidadanía, xa non é que sexa un método de interrelación aconsellable, é que está a ser de obrigado emprego. Así, dende xaneiro deste ano, todas Administracións Públicas debían recibir de xeito obrigatorio as facturas dos seus provedores polo vieiro electrónico, de acordo co que se determina na Lei de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable (unicamente fican excluídas disto as facturas con importe inferior a 5.000 euros e as destinadas a servizos no exterior). Con esta medida, tanto a nivel autonómico como estatal, as facturas dos provedores das administracións quedarán automaticamente rexistradas e tanto os organismos públicos coma os provedores poderán facer un seguimento das mesmas desterrando a posibilidade de ocultalas (as entidades poderán facer mellor cumprimento dos prazos e controlarán de maneira máis optimizada o gasto público e máis o déficit, entre outras vantaxes).

PUBLICIDADE