O Proxecto Trasno obtén os parabéns do observatorio de software libre da Comisión Europea
mércores, 4 de decembro do 2013
En Código Cero xa
levamos tempo salientando o importante labor desenvolvido polos
membros a comunidade Proxecto
Trasno, pero nunca está de máis que sexan importantes
organismos internacionais e independentes os que valoren o traballo
deste colectivo a prol da divulgación do software libre na nosa
terra e máis da tradución ao galego de incontábeis recursos
abertos de valor. Sen ir máis lonxe, Trasno rematou novembro
recibindo os parabéns do Observatorio Europeo de Código Aberto,
Osor.eu, que felicitar
ao Proxecto Trasno pola recente publicación da última versión
do corrector
ortográfico Hunspell para o galego, que como fixemos
saber recentemente dende esta web recibiu o código 13.10 Padre
Sobreira.
Segundo apuntan dende
Osor.eu, está fóra de toda dúbida o importante traballo despregado
por Trasno achegando alternativas ao software propietario na contorna
na que se insire, a da nosa terra e os seus usuarios TIC, e a
publicación da dita ferramenta lingüística é exemplo perfecto
disto. Para o observatorio da Comisión Europea, o Proxecto Trasno
“está a desafiar o apoio do Goberno a un corrector ortográfico
propietario que só pode ser empregado dende unha suite ofimática
privativa, e todo feito dende unha organización sen arela de lucro
integrada por lingüistas e investigadores voluntarios que están a
engadir capacidades de ortografía galega a Hunspell, o corrector
ortográfico de código aberto”. Este corrector ortográfico do que
fala o Observatorio e que Trasno “desafía” non é outro que
Galgo, arestora en proceso de liberación pero, sinala a entidade
europea, “unicamente utilizábel en combinación con suites
ofimáticas ubicuas dispoñíbeis só para sistemas operativos
propietarios”.