O Proxecto Trasno constitúese coma Asociación Cultural

luns, 19 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Dende o ano 2000 funciona o Proxecto Trasno, como unha comunidade de grupos e proxectos de tradución de software libre ao galego integrados por tradutores voluntarios que o pasado 17 de outubro decidiron formalizar a súa actividade, de xeito que constituíronse como unha Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno, iniciando o proxecto de rexistro oficial na Comunidade Autónoma de Galicia, trámite que aínda podería levar varios meses.
A Asociación sen ánimo de lucro pretende axudar á localización de software libre ao galego, polo que entre os seus obxectivos recolle a promoción e difusión do software libre, a localización do software libre ao galego, a subministración de ferramentas para a tradución, o apoio e asistencia aos voluntarios, o desenvolvemento de software relacionado cos procesos de internacionalización, a contribución ao patrimonio lingüístico e cultural galego avanzando na incorporación do galego ao ideo da Informática, a representación da comunidade de colaboradores nas actividades promovidas ou participadas pola Asociación e a colaboración con outras entidades coas que compartan fins.
Para achegar a estes obxectivos crearán e sosterán a infraestrutura necesaria para a realización da localización de software libre (páxinas web, roldas de correo, foros, blogs e outros medios), realizarán encontros, xornadas, actividades de formación, simposios e relatorios, publicarán artigos, libros e outro material, formalizarán encontros de colaboración con outras entidades, desenvolverán software libre, realizarán a contratación de servizos profesionais, asesoramento ou comerciais para os fins propios da Asociación e expedirán certificacións de recoñecemento de méritos dos socios ou colaboracións nas súas actividades.
Da asemblea constituínte saíu unha xunta directiva formada por Miguel Branco (presidente), Miguel A. Bouzada (vicepresidente), Leandro Regueiro (secretario) e Marcelino Villarino (tesoureiro).

PUBLICIDADE