O Proxecto Nós xa ten en marcha as súas 3 primeiras medidas
mércores, 10 de maio do 2023
O conselleiro de
Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, avanzou
hoxe no Parlamento de Galicia a posta en marcha das tres primeiras medidas do
Proxecto Nós, a iniciativa que permite incorporar o galego ás novas
linguaxes dixitais e que xa ten rematadas as tres primeiras ferramentas.
Trátase de utilidades que estarán dispoñibles en aberto nun breve prazo de
tempo para que calquera persoa, empresa ou proxecto as poida usar de xeito
gratuíto.
O titular de
Cultura da Xunta referiuse, en concreto, ao tradutor de galego con tecnoloxía
neuronal que xa está rematado e “supera a calquera outro que existira ata
agora” e tamén avanzou que xa está lista a primeira tecnoloxía que entende o
galego oral e o converte a texto e outra que, a partir dun texto, é quen de ler
en lingua galega.
Avanzou, ademais,
que algunhas das primeiras aplicacións destas tecnoloxías do Proxecto Nós xa se
poden ver no spot institucional da Xunta de Galicia das Letras galegas 2023,
onde se amosa a primeira locución da historia en lingua galega creada con redes
neuronais. “A incorporación do galego ás novas linguaxes dixitais é unha
realidade cada vez máis presente e estas tres primeiras ferramentas permitirán
seguir avanzando para que forme parte nos novos usos tecnolóxicos, ao mesmo
nivel que as grandes linguas do mundo”, indicou Román Rodríguez.
O Proxecto Nós,
impulsado pola Xunta de Galicia, foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua
e, como engadiu, “supón o salto decidido do galego ao mundo dixital e permitirá,
do mesmo xeito, potenciar o seu uso entre a mocidade”, indica.