O Proxecto Natal podería converterse nunha nova consola de videoxogos de Microsoft

luns, 15 de xuño do 2009 Marcus Fernández

A presentación de Microsoft durante o E3 na que deron a coñecer o Proxecto Natal está a xerar moitos rumores, e precisando máis sobre o asunto, Shane Kim declarou que «conceptualmente o lanzamento de Natal será coma o lanzamento de Xbox 360» aínda que non chegará ata que «o hardware e o software estean listos», o que algúns están a entender como que Natal non se concretará só nun novo periférico para a Xbox 360 senón que tamén se incorporaría a unhas novas Xbox 360, de xeito que teriamos unha evolución da consola actual en vez da creación dunha nova xeración de consolas. Os rumores apuntan a que a nova consola chegaría no outono de 2010.
De todos os xeitos, todo iso non deixa de ser unha chea de rumores, pois oficialmente Microsoft leva tempo asegurando que o ciclo de vida da Xbox 360 será longo, non repetindo a rápida morte que deron á primeira Xbox; así como tamén aseguraron que Natal funcionará na Xbox 360.
ACTUALIZACIÓN: Aaron Greenberg desmentiu os rumores, asegurando que Natal funcionará nas Xbox 360 actuais.

PUBLICIDADE