O Programa Innterconecta II reúne este martes a empresas e centros de investigación en Vigo

luns, 11 de marzo do 2013 Redacción

Este martes 12 de marzo, a partir das 11:00 horas na Zona Franca, celébrase en Vigo unha xornada informativa sobre o Programa Innterconecta II, unha proposta co-financiada polo Fondo Tecnolóxico e xestionada pola Axencia Galega de Innovación e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) máis o apoio da asociación INEO. Grazas a este programa será posíbel o financiamento (dotado de 75 millóns) de proxectos de innovación desenvolvidos na nosa terra por consorcios formados por empresas e centros de investigación. O encontro en cuestión dividirase en dúas partes: ás 11:00 horas, presentaranse as características máis salientables e os obxectivos do Programa Innterconecta II, sendo clausurada ás 11.30 horas por Teresa Pedrosa -delegada especial do Estado para a Zona Franca de Vigo- e por Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación.
Emporiso, na segunda parte do evento, Pilar Sanz -do departamento de Saúde, Bioeconomía, Clima e Recursos Naturais- e Raúl García -do departamento de Enerxía, Transporte, Fabricación e Recursos naturais do CDTI- manterán reunións bilaterais con representantes dos consorcios creados entre empresas e centros de investigación, co fin de revisar ideas e propostas de proxectos financiábeis por este programa. Asemade, é preciso informar que se manteñen os requisitos da primeira convocatoria: cadanseu proxecto debe contar cun orzamento mínimo de 1,5 millóns de euros, a súa duración non debe superar os dous anos e debe contar coa participación de tres empresas independentes e de, polo menos, un centro de investigación.
Cómpre dicir que o encontro vigués atópase inserido dentro dun programa de sesións informativas que a Axencia Galega de Innovación celebra estes días en Galicia para difundir as características do Programa Innterconecta II. Por último, engadir que Vigo acollerá unha segunda sesión informativa, prevista para o 18 de marzo (a partir das 11.30 horas), na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP). Para máis información e inscricións: difusion.gain@xunta.es.

PUBLICIDADE