O Programa Horizon 2020 sitúa entre as súas prioridades a innovación na PEME

mércores, 4 de xuño do 2014 Redacción

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, avogou onte pola innovación nas PEME como chave para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego. Neste sentido, durante a súa intervención na apertura da Xornada Horizon 2020 Instrumento PEME, celebrada no CESGA, Varela Rey sinalou as importantes posibilidades que ofrece este marco europeo para a realización de actividades no eido innovador.
O Programa Horizon 2020 define entre as súas prioridades o fomento da innovación nas PEME, dedicando un dos seus eixos ao desenvolvemento do tecido industrial. A través desta actuación, a Unión Europea busca facilitar ás pequenas e medianas empresas o impulso de iniciativas innovadoras, fomentando este tipo de actuacións a través de proxectos colaborativos entre compañías de diferentes países.
Neste escenario, o Horizon 2020 establece distintos programas de apoio ás PEME, entre o que destaca o Instrumento PEME. Este, subliñou Varela Rey, conta con 2.700 millóns de euros dirixidos a todas as pequenas e medianas empresas que teñen a vontade de crecer, desenvolverse e internacionalizarse a través de proxectos de innovación de dimensión europea.
A Consellería de Economía e Industria traballa para facilitar as PEME galegas o acceso a financiamento procedente deste tipo de programas, tanto nacionais como europeos. Así, o director da Axencia lembrou que as empresas teñen á súa disposición, durante este ano e o que ven, os bonos de innovación, que se configuran como unha medida incentivadora que ten por obxectivo incrementar a capacidade competitiva do tecido empresarial para acceder aos recursos de financiamento nacionais e internacionais.
Deste xeito, incidiu, facilítanse as maiores vías de acceso posibles ao financiamento, garantindo a sustentabilidade da actividade innovadora como fonte de competitividade e crecemento económico para Galicia.

PUBLICIDADE