O Programa Cidadanía Dixital refórzase con máis de 3 millóns de euros

xoves, 26 de xuño do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de anunciar que, no marco da área de actuación de Fogar e Inclusión de Cidadáns do Plano Avanza que ten por obxecto incrementar o número de usuarios de Internet, asinará unha addenda ao convenio de colaboración que ten en vigor coa Xunta de Galicia, para o desenvolvemento do Programa Cidadanía Dixital.
O consello da Xunta vai autorizar mañá a sinatura da devandita addenda, que prevé unha achega de preto de 2 millóns de euros (1.842.077 euros) por parte do Ministerio e de 1.229.000 euros por parte da Consellaría de Innovación e Industria.
Mediante esta iniciativa, o organismo dependente do goberno galego vai estar habilitado para levar a cabo distintas actuacións, como a convocatoria dunha liña de axudas para a produción e publicación en Rede de contidos dixitais, innovadores e de calidade (tanto contidos xa existentes como outros novos que fomenten a creatividade e a innovación), outra convocatoria de premios ao desenvolvemento dos mellores contidos para Internet (especialmente relacionados coa lingua e cultura galegas) e a colaboración cos colexios profesionais de Galicia para o desenvolvemento de actuacións de fomento da sociedade da información.
Innovación será, a partir da sinatura desta addenda, o organismo oficial encargado de incrementar o número de internautas na nosa comunidade así como de achegarlle a Sociedade da Información a tódolos galegos.

PUBLICIDADE