O Premio Galicia de Investigación recoñece a traxectoria do físico Carlos Pajares

xoves, 17 de abril do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de resolver concederlle a Carlos Pajares Vales, madrileño afincado en Galicia, o Premio Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica, na categoría sénior, polo seu traballo investigador no eido das partículas elementais e polas súas achegas no campo das interaccións partícula-núcleo e materia a alta densidade.
Con este galardón, Innovación recoñece a traxectoria investigadora no campo da Física ao que fora reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1984 e 1990.
Na categoría de investigador mozo, o xurado decidiu outorgar o Premio ex aequo a Miguel Ángel Correa Duarte, doutor en Químicas, e a Roberto López Valcarce, doutor enxeñeiro en Telecomunicacións.
Os Premios Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica enmárcanse dentro da convocatoria dos Premios Galicia de Investigación, cos que a Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, recoñece o traballo de investigadores galegos de recoñecido prestixio co obxectivo último de incentivar a investigación e recompensar o traballo feito por galegos e en pro de Galiza nesta área. Os premios están dotados con 38.000 euros na categoría sénior e con 7.000 na categoría de investigadores mozos. A gala de entrega terá lugar o vindeiro 27 de maio en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE