O Premiere Pro incorpora edición de vídeo baseada en texto

xoves, 13 de abril do 2023 Marcus Fernández

O software de Adobe leva anos incorporando funcionalidades de intelixencia artificial, que axilizan enormemente o traballo e que chegan a incluso a mudar o xeito de traballar para moitos usuarios, como é unha das novidades que están a presentar para o Adobe Premiere Pro, aplicación de edición de vídeo que vén de integrar a función de edición baseada en texto.
Coa nova funcionalidade é posible aproveitar a función de recoñecemento de voz da aplicación, que fai transcricións do que se di nos vídeos, para que os creadores poidan editar vídeo baseándose no texto, ou sexa, que en vez de cortar, pegar e mover fragmentos de vídeo na liña de tempo, pódese facer o mesmo directamente con frases transcritas, de xeito que aparece na liña de tempo o vídeo correspondente a eses textos.
Poder traballar con vídeo en base ao que se di no mesmo é unha funcionalidade que pode resultar especialmente práctica para xornalistas, permitindo unha montaxe moito máis áxil xa que non precisa da escoita de longos fragmentos de vídeo, xa que poden realizarse buscas para localizar os momentos que se queiran incorporar a unha montaxe.
Adicionalmente o Premiere Pro tamén incorpora unha función de detección de rexistros de cor e de mapeado automático de ton, para así poder igualar de xeito doado as cores de varios vídeos na mesma montaxe.
Adobe tamén salienta que esta nova versión de Premiere Pro é a máis rápida publicada, para o que optimizaron moito a aplicación e incorporaron numerosas funcións de aceleración de vídeo dispoñibles no noso hardware, conseguindo incluso unha edición solvente de vídeo en 8K.

PUBLICIDADE