O Pórtico da Gloria poderá visitarse virtualmente

luns, 2 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Dende hoxe será posible realizar visitas virtuais a unha versión tridimensional do Pórtico da Gloria grazas a un proxecto didáctico e divulgativo desenvolvido pola Fundación Barrié de la Maza en colaboración co Arcebispado e o Cabilo da Catedral no marco do programa de restauración e conservación preventiva do conxunto histórico que está en marcha dende hai 2 anos.
A visita virtual ao Pórtico da Gloria habilitouse na cripta da Catedral, é de balde e consta de 2 partes: unha de acceso libre (na que podemos coñecer virtualmente os instrumentos representados no Pórtico mediante técnicas de realidade aumentada) e outra cunha duración aproximada de 20 minutos, para a que é preciso solicitar a correspondente cita previa na páxina web da Fundación Barrié, e na que podemos realizar «unha viaxe a través desta extraordinaria obra para debullar os seus enigmas iconográficos e sutileza formal».
Aparte das 3D no vídeo virtual no que podemos ver o Pórtico da Gloria, tamén podemos apreciar a policromía desta peza, que non se conserva na súa totalidade por mor do paso do tempo e da humidade, e que deste xeito permite contemplar a obra coma foi concibida inicialmente.

Mozo realizando unha visita virtual ao Pórtico da Gloria

PUBLICIDADE