O Portal de Transparencia da Xunta acumula 2,5 millóns de páxinas consultadas desde a súa posta en marcha

venres, 30 de abril do 2021 Redacción

O Portal de Transparencia da Xunta de Galicia leva recibidas máis de 700.000 visitas desde a súa posta en marcha, e acumula 2,5 millóns de páxinas consultadas por preto de 240.000 persoas. Así figura nun informe sobre a transparencia no sector público autonómico de Galicia que vén de publicar a Consellería de Facenda e Administración Pública.
O Portal de Transparencia contén máis de 1.710 páxinas web, nas que se poden visualizar uns 5.012 documentos. Dá así cumprimento á Lei Galega de Transparencia, aprobada no ano 2016, que ten como principal obxectivo facilitar á cidadanía máis información e máis da que establece a normativa básica estatal. De feito, esta lei converteu a Galicia na comunidade que asumiu máis obrigas neste ámbito a través da normativa autonómica.
A páxina máis vista é a que recolle a información sobre a normativa e as medidas postas en marcha pola Xunta sobre a pandemia do covid (119.819 visitas), seguida da de altos cargos da Administración Xeral con 101.695 visitas. No ano 2020 o número medio de visitas ao mes foi de 20.021, o que supón un incremento do 45% con respecto á media do ano anterior.
No que se refire ás peticións de acceso á información pública, recibíronse 3.575 desde a posta en marcha da Lei estatal 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, o 79,5% a través de medios electrónicos. Destas 3.575 peticións, foron resoltas 2.978, das que un 83% foron estimadas, permitindo o acceso total á información solicitada.

PUBLICIDADE