O Portal da Lingua achegará cada xoves novos audiovisuais da serie Brincadeiras de Migallas

xoves, 3 de febreiro do 2022 S. P.

Este xoves 3 de febreiro presentouse unha nova serie de vídeos directamente encamiñados a divulgar os ditos infantís da nosa terra: a segunda edición dos audiovisuais Brincadeiras da lingua, realizadas por Migallas Teatro ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo. Na cita participaron os integrantes desta compañía e máis o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Son un total de 15 vídeos que se suman aos 10 publicados na primeira edición e que se poderán seguir cada xoves nas redes sociais e máis no Portal da Lingua Galega, impulsado por Política Lingüística.
O obxectivo destas pílulas audiovisuais é “fomentar o coñecemento e a práctica dos ditos e recitados infantís galegos e mais a transmisión familiar da lingua”.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo agradecer “o compromiso das empresas culturais como Migallas por realizar proxectos deste tipo que axudan a fomentar o uso da lingua galega entre a cativada dun xeito divertido ao tempo que se traballa por manter viva a tradición oral galega”.
Canda Valentín García tamén participaron na rolda de presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, María Campos e Carlos Yus, da compañía Migallas Teatro.
Nestes novos 15 capítulos, que se suman aos 10 anteriores, amósanse algúns destes ditos relacionados cos animais, co tempo cronolóxico, co tempo meteorolóxico, con accións cotiás, ditos acumulativos, ditos de burlas e ditos relacionados cos xogos entre outros.

PUBLICIDADE