O Portal da Lingua Galega publica toda a información relativa ás probas do CELGA 2020

xoves, 10 de setembro do 2020 S. P.

O Portal da Lingua Galega ofrece dende este 4 de setembro as listaxes definitivas das persoas admitidas, un total de 1.780, para asistir ás probas de acreditación do CELGA os días 26 e 27 de setembro (CELGA 4) e 3 de outubro (CELGA 2), 4 (CELGA 3) e 10 de outubro (CELGA 1) nas localidades de Santiago de Compostela e Ponferrada. As probas, segundo fai saber a Secretaría Xeral de Política Lingüística, desenvolveranse baixo as máis estritas medidas sanitarias de protección. O Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral adiantou este mes toda esta información, engadindo que a convocatoria estaba prevista para desenvolverse entre os meses de maio e xuño pero tivo que adiarse por mor da crise da COVID-19.
Como dixemos, os exames desta convocatoria 2020 realizaranse baixo estritos protocolos, “co fin de protexer a saúde propia e a das demais persoas”, polo que se deberán respectar unha serie de disposicións: tomar a temperatura na véspera e no día da proba, observar posíbeis síntomas respiratorios, acudir con máscara cirúrxica ou FFP2, empregar xel hidroalcohólico ou manter unha distancia de seguridade de 1,5 metros.
Por niveis e localidades, examinaranse do CELGA 1, en Santiago, 74 persoas; do CELGA 2, 228: 201 en Santiago e 27 en Ponferrada; do CELGA 3, 430: 356 en Santiago e 74 en Ponferrada; e do CELGA 4, 1048: 835 en Santiago e 213 en Ponferrada. Os centros de realización das probas daranse a coñecer proximamente no Portal da Lingua Galega.
O sistema CELGA
O CELGA é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

PUBLICIDADE