O Portal Galego de Língua celebra este sábado os seus dez anos de vida cunha festa-jantar

mércores, 19 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Este 22 de decembro, sábado, conmemóranse os dez anos dunha das webs galego-portuguesas que máis actividade ten xerado nas redes no que a información sobre lusofonía, reintegracionismo e ligazóns entre culturas irmás (as de ámbalas beiras do Miño e do Atlántico, conectando directamente con Brasil, e tamén cos países lusófonos africáns) se refire. Falamos do Portal Galego da Língua, que “completou os seus primeiros 10 anos de existência” da man da Associaçom Galega da Língua.
Esta plataforma en liña, como lembraremos, foi un dos primeiros medios de comunicación, galegos e en galego, amais de ser o primeiro específico (tematicamente) sobre a nosa lingua, compartida cos países de fala portuguesa. A idea é celebrar todo isto, e máis, en compaña dos medios dixitais que tamén empreguen o galego no seu día a día, o vindeiro sábado 22 de decembro, cunha festa-jantar en A Nave de Vidán (Santiago). O evento, incluirá, logo da comida propiamente dita e das actividades primeiras de confraternización, “a apresentaçom de um livro homenagem a esta primeira década do Portal Galego da Língua e umhas breves intervenções de vários dos protagonistas desta etapa”. O plan é comezar o xantar sobre as 14.30 horas para logo pasar ao acto de presentación ás 16.00 horas e rematar a xeira sobre as 17.00 horas. Segundo nos contan dende AGAL, cumpriría formalizar asistencia canto antes, indicando, por teléfono ou correo electrónico, “quem será a pessoa que vós represente, no jantar-celebraçom, o antes possível.

PUBLICIDADE