O Pontevedra CF tamén aposta polo galego na Rede

mércores, 16 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Malia que a galeguización das nosas páxinas webs é un proceso que non tería porqué darse (se xorden na nosa terra e para lectores da nosa terra, o lóxico sería que fosen en galego dende o principio), a verdade é que inevitable non acoller con ledicia a posta en marcha dun traballo de remodelación desta índole. E máis cando beneficia a entidades tan senlleiras como o Pontevedra CF (ente deportivo histórico onde os haxa) e aos seus moitos e moitas seareiros. O caso é que segundo informa o Club (e medios en liña como A Nosa Terra), o Pontevedra está de estrea na Internet, con nova web, con novas vías para comunicarse cos afeccionados e, para ampliar a nosa pegada na Rede, con contidos na nosa lingua.
A remodelación do espazo afecta a tódolos elementos de forma e fondo: á información sobre a competición deportiva (mellor despregada e máis completa, dándose acubillo a crónicas dos partidos e a outros eventos), á documentación sobre o club e mesmo á súa imaxe corporativa, co escudo tradicional e coa bandeira galega.
O caso do Pontevedra CF non é único nesta aposta polo galego como a lingua natural das súas comunicacións: cómpre lembrar que recentemente o Celta púxose do lado do noso idioma ao mesmo tempo que presentaba a nova faciana da súa plataforma en liña.

PUBLICIDADE