O Polo Aeroespacial incorpora dous simuladores U-Space para impulsar a experimentación con UAV

luns, 6 de marzo do 2023 S. P.

O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), emprazado en Castro de Rei (Lugo), acolleu este luns 6 de marzo a entrega dun equipamento avanzado co que reforzar o Polo Aeroespacial de Galicia, impulsado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Consellería de Economía. Este equipamento consiste en dous novos simuladores U-Space para o CIAR, que van permitir dar resposta a moitos dos retos que na actualidade ten o regulamento de voos con aeronaves non tripuladas (UAV polas súas siglas en inglés). Así o fixo saber o conselleiro (e vicepresidente primeiro da Xunta) Francisco Conde, quen engadiu que se trata “dunha infraestrutura única en España e na contorna europea dirixida á experimentación con este tipo de aparellos aéreos”.
No acto de entrega deste equipamento, Conde asegurou que “estamos demostrando que en Galicia temos este ecosistema de colaboración tanto desde o punto de vista industrial como tecnolóxico que nos está poñendo á vangarda dun sector enormemente competitivo no que Galicia e España se queren posicionar, e con este tipo de proxectos vinculados á Compra Pública Percomercial estámolo conseguindo”, dixo.
O vicepresidente económico salientou que os dous simuladores foron desenvolvidos por medio dun contrato de Compra Pública Precomercial que lanzou o CDTI por un importe conxunto que suma 12,5 millóns de euros e que lle foron asignados a Indra e Boeing, xunto cun equipo de centros tecnolóxicos e outras empresas galegas e do resto de España.
Ademais dos novos simuladores, Conde avanzou que “nas instalacións do Polo Aeroespacial de Galicia instalarase tamén unha infraestrutura de telecomunicacións 5G e outra de ciberseguridade”. Estes equipamentos, apoiados pola Administración autonómica, fóronlle adxudicados a Telefónica e GMW Aerospace & Defence por un importe total de 3,6 millóns de euros.
Segundo lembrou o conselleiro, a través da Compra Pública Innovadora, a Xunta de Galicia “xa incorporou o uso de vehículos aéreos non tripulados a servizos públicos como o control monitoraxe do territorio, de pragas forestais e da auga, cun orzamento de case 3 millóns de euros”.
A día de hoxe, engadiu, o programa de solucións que se desenvolve no Polo Aeroespacial de Galicia “traballa en poder empregar esta tecnoloxía na atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago, o seguimento e control de zonas forestais para a prevención e extinción de incendios, e na inspección e vixilancia pesqueira, cun investimento que ascende a 6,3 millóns de euros”.

PUBLICIDADE