O Plan de Voluntariado Dixital inicia a súa formación en Innovación e Transformación Dixital 2.0

luns, 16 de xuño do 2014 Redacción

O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, impulsado pola AMTEGA e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pon en marcha o seu Plan de Formación 2014: Innovación e transformación dixital 2.0 que se desenvolverá entre o 19 e xuño e o 11 de xullo.
O obxectivo deste o plan formativo é ofrecer capacitación aos voluntarios e persoal técnico das entidades de acción voluntaria adheridas ao Programa Voluntariado Dixital, aínda que está aberto a calquera persoa ou organización interesada nesta materia.
O programa estrutúrase en 4 módulos de 8 horas de duración cada un, que poden ser cursados de maneira independente:
• Módulo I: Inserción laboral e recrutamento 2.0 (19 e 20 de xuño)
• Módulo II: Estratexias de comunicación 2.0 (26 e 27 de xuño)
• Módulo III: Innovación social. Experiencias prácticas (3 e 4 de xullo)
• Módulo IV: Coaching para a transformación social (10 e 11 de xullo)
As persoas interesadas deberán inscribirse en aqueles módulos nos que desexen participar, cumprimentando os correspondentes formularios de inscrición e recibirán un certificado de asistencia onde se especificarán os módulos aos que asistiran.

Inserción laboral e recrutamento 2.0

No primeiro módulo do curso, que se desenvolverá o xoves 19 e o venres 20 de xuño no Centro de Novas Tecnoloxías (CNTG) de Santiago de Compostela, presentaranse distintas ferramentas e boas prácticas para construír unha boa imaxe dixital, fortalecer a rede de contactos de cara á procura de emprego e proporcionarase a visión da empresa á hora de seleccionar o candidato máis adecuado para cada posto de traballo.
Durante as dúas xornadas amosarase como, ante o antigo modelo de Currículum 1.0 en papel entregado en man, as ferramentas 2.0 - baseadas na interacción e a participación través de Redes Sociais- transformaron tanto a maneira en que os demandantes de emprego dan a coñecer as súas capacidades e habilidades, como os aspectos que os recrutadores valoran na selección do candidato que mellor se adapta ao perfil que buscan.

Relatores

O 19 de xuño a xornada contará coa intervención do orientador laboral, Xosé Alberte Cea Rodríguez, e exporanse dúas experiencias de recrutamento no sector TIC galego da man da empresas Balidea e A Navalla Suíza.
O día 20 intervirá Roberto Pérez Marijuán, consultor e formador especializado en neuromárketing e novas tecnoloxías para a xestión empresarial, que foi responsable comercial en CAMPOFRÍO e director comercial en VISUAL PUBLINET. Ademais, exporase a experiencia de Infojobs como plataforma dixitais de busca de emprego.

Asistencia ao curso

O curso é de balde e poderase participar en modalidade presencial no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia ou ben a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de Padrón, Sada, Ortigueira e Fisterra, na provincia da Coruña; Barreiros e O Vicedo na provincia de Lugo; Ourense, Verín, Leiro e Celanova na provincia de Ourense; Pontevedra, Valga, A Cañiza e Poio na provincia de Pontevedra.

PUBLICIDADE