O Plan de Talento Dixital da Xunta inicia as accións para impulsar as vocacións STEM na mocidade

venres, 9 de marzo do 2018 Redacción

O Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, vén de coller impulso. Así nolo confirma a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a entidade responsábel do plan, que ten o apoio e adhesión da ducia de empresas asinantes do Pacto Dixital, a alianza formalizada en 2013 para contribuír a converter Galicia nun punto tecnolóxico de referencia. Segundo puidemos saber, o programa DigiTalent 2020, destinado a reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral, puxo en marcha as súas primeiras iniciativas. Con elas búscase “estimular o talento precoz no ámbito TIC” e fomentar a capacidade vocacional das profesións científico-tecnolóxicas dende idades temperás, “con especial atención entre as mozas”.
As primeiras iniciativas propostas pola AMTEGA, o programa de bolsas Áncora e a iniciativa Tecnológos por un día, activáronse no mes de decembro, contando co apoio das empresas do Pacto.
Ademais, a axencia sinala que tamén se vai pór en marcha este ano unha iniciativa focalizada nas rapazas, Girl STEM, un programa de asesoramento con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás nenas, “clarificando posíbeis dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos”.
Igualmente, desenvolveranse os campamentos TIC Digitalia para rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos, que se incluirán na edición de 2018 do Programa de Campamentos de verán da Xunta. Outra das iniciativas a estrear este ano é Techkids, unha proposta para rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos para que poidan participan en obradoiros de deseño, construción, validación e programación de robots e aplicacións.
As devanditas constitúen cinco das 20 iniciativas abeiradas xa ao Plan DigiTalent para potenciar o atractivo dos estudos científico-tecnolóxicos dende a nenez e a adolescencia.
Becas Áncora e Tecnólogos por un día
Áncora é un programa de prácticas non laborais en grandes empresas do sector TIC, tanto en centros de traballo de Galicia como do estranxeiro, con compromiso de contratación das persoas que superen con éxito o período de prácticas, que será de entre 6 e 9 meses. Altia, Coremain, Evereis, Iecisa, Indra, R e Televés ofrecen un total de 78 prazas para estudantes universitarios, de Formación Profesional ou recentemente titulados que estean cursando formación do eido tecnolóxico.
Ata 54 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos poderán ser “tecnólogos por una día” e experimentar en primeira persoa a xornada laboral dun profesional do sector, participando nas distintas actividades que teña na axenda de traballo (reunións, visitas a clientes tecnolóxicos, comida de traballo, etc.). Altia, Coremain, Evereis, Iecisa, Indra mostrarán aos participantes as dinámicas que dominan este tipo de profesións e resolverán as súa dúbidas vocacionais.
Escasa demanda das carreiras STEM
Segundo informa AMTEGA, a día de hoxe só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario da nosa terra cursa carreiras do ámbito STEM (estudos científicos, tecnolóxicos, en Enxeñarías ou Matemáticas). A presenza de mulleres nestes estudos redúcese ao 29%, unha de xénero que comeza xa na elección dos estudos posteriores á ESO, cando só o 33% das mozas galegas se decantan polo Bacharelato científico-tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos.
A baixa demanda das carreiras STEM contrasta coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital. A axencia que dirixe Mar Pereira tamén explica que en Galicia o sector tecnolóxico mantivo nos últimos anos una taxa de emprego estábel en torno ao 1,6%, batendo o seu récord de empregabilidade en 2016 con máis de 16.000 traballadores.
Fenda de xénero no sector TIC
Amais dos devanditos datos, AMTEGA lembra que a porcentaxe de empregadas do sector sitúase no 32%, segundo os últimos datos do estudo As mulleres no sector TIC publicado esta semana polo OSIMGA, dependente da axencia, que lembra o a porcentaxe é “un reflexo do que acontece xa antes do Bacharelato”. Respecto aos roles, o estudo sinala que mentres o 26,8% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, só o 7,4% son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. O estudo salienta igualmente “a significativa fenda existente nos ciclos formativos superiores TIC”.


PUBLICIDADE