O Plan de Software Libre 2015 inclúe case un cento de actividades de divulgación
mércores, 13 de maio do 2015
Hoxe formalizáronse
novos pactos entre o Goberno galego e os nosos colectivos e entidades
open source de cara á preparación e desenvolvemento de
vindeiras actividades de promoción e impulso do software libre. Máis
polo miúdo, tratouse dunha serie de convenios de colaboracións
asinados entre AMTEGA (Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e os representantes
galegos do ámbito da programación aberta. Na formalización dos
acordos, a titular da axencia, Mar Pereira, trasladoulles aos axentes
open source as
liñas de acción do Plan de Software Libre 2015, no que participan
con 26 das 95 actividades previstas. Ou sexa, que as asociacións
colaboran coa AMTEGA en preto da terceira parte das actividades do
Plan FLOSS deste ano.
As entidades que
concorren e xuntan forzas son as seguintes: o Consorcio para o
desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión
Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades
galegas; a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL);
e as seis Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia
(AGUSL), ou sexa GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa, Asociación Cultural
Proxecto Trasno e XeoPesca.
Os acordos asinados,
cunha dotación conxunta de 120.000 euros, permitirán a realización
de actuacións que inclúen dende a elaboración de documentación, a
tradución de software libre, a organización de xornadas, cursos,
obradoiros e do congreso internacional Akademy 2015 (conferencia
internacional da comunidade de KDE ), o fomento da programación
aberta en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a
implantación e formación en ferramentas de código aberto nas
Universidades ou a convocatoria da 8ª edición do Premio ao mellor
traballo universitario de fin de grado con Software Libre. A estes
acordos, explica AMTEGA, cómpre engadir os asinados recentemente
pola Axencia e os colexios profesionais de Enxeñaría Informática e
Enxeñaría Técnica Informática (CPEIG e CPETIG) que tamén
incorporan accións en prol do fomento do software libre.
O Plan de Acción en
Software Libre 2015 recolle as 95 actuacións que durante este ano se
porán en marcha para incrementar o uso e coñecemento do software
libre a todos os niveis. Respecto de medidas concretas a desenvolver
no seo da Administración autonómica, AMTEGA lembrou hoxe que “a
Xunta vai iniciar a primeira fase de migración a software libre de
1.500 postos de traballo de empregados públicos”. Ademais,
engadiu, “séguese a apostar polas ferramentas abertas en
proxectos de calado para a Administración como o Arquivo Electrónico
Administrativo (ARPAD) ou o sistema de rexistro único da Xunta de
Galicia (AIRES) e polas políticas de reutilización de software
libre con exemplos como a implantación da tramitación electrónica
Wand@ ou a adaptación do sistema de notificacións electrónicas
Notific@, desenvolvidas e liberadas pola Junta de Andalucía”.
Asemade, ao longo de
2015 as 98 Aulas CeMIT, que empregan o sistema operativo libre
GNU/Linux, continuarán divulgando e fornecendo unha alfabetización
tecnolóxica e formación en ferramentas libres e este ano
reforzarmos a súa difusión a través de actividades do Plan de
Voluntariado Dixital.
Este ano convocarase o
VIII Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con
Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres
universidades e no que participa tamén a Asociación GPUL.
No que respecta ao
impulso e fomento do Software Libre no ámbito empresarial, o Centro
Demostrador TIC incorporará ao Centro Demostrador TIC Virtual dúas
novas solucións libres que as PEME galegas poderán probar de balde.
Está previsto ofertar a ferramenta libre CiviCRM para o terceiro
sector e Odoo (antigo OpenERP) para a xestión integral de empresas.