O Plan de Formación 2011 do SERGAS tirará proveito das TIC

xoves, 27 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

O Servizo Galego de Saúde, da man da súa directora de Recursos Humanos, Esperanza Fernández Lago, vén de presentar o Plan de Formación 2011 dos Profesionais do SERGAS, que se desenvolverá dentro do ámbito da formación continuada e que xorde dun sistema aberto e multidisciplinar.
A través desta iniciativa, o SERGAS impartirá un total de 705 edicións de cursos das distintas áreas do plan, nas que se ofertarán 19.000 prazas para mellorar os coñecementos, habilidades e actitudes ante a evolución científica e tecnolóxica dos nosos profesionais da saúde.
As novas tecnoloxías permitirán que a formación continuada deste colectivo sexa máis próxima e accesible, así como máis axustada ás necesidades de cada profesional.
Respecto ao plan anterior, este novo documento presenta diversas novidades, entre as que destaca o feito de favorecer os novos ámbitos de aprendixaze mediante o potenciamento de novas metodoloxías docentes, aproveitando as TIC.
Do mesmo xeito, o novo plan inclúe a formación online, incrementándose en relación aos anos anteriores o número de actividades formativas realizadas a través da teleformación, dado que este tipo de cursos, segundo apuntou Fernández Lago, “amosan unha gran demanda e aceptación entre os profesionais”.
Así, en resposta a estas expectativas, a directora de Recursos Humanos do SERGAS sinalou que “impúlsase o desenvolvemento da oferta formativa a través da teleformación, permitindo unha maior flexibilidade e adaptación ás necesidades formativas dos profesionais e eliminando os inconvenientes inherentes á formación presencial, permitindo, en consecuencia, un maior e máis axeitado acceso dos profesionais ás actividades formativas”.
Para facilitar a identificación de actividades de interese por parte dos profesionais e evitar ao tempo as duplicidades na oferta formativa do Plan, esta organízase por áreas temáticas, estruturándose en bloques de coñecemento.
A área que nos compete en Código Cero, a de Tecnoloxías, engloba todas as actividades formativas relacionadas co manexo tanto das tecnoloxías da información e comunicación como das tecnoloxías sanitarias.
As actividades de formación execútanse a través de dous plans docentes diferenciados: o Plan de formación continuada do persoal de institución s sanitarias do Servizo Galego de Saúde (Plan AFCAP) -no que se inclúen as actividades docentes que forman parte do Plan de Formación Continuada do Persoal da Xunta- e o Plan estratéxico de formación dos traballadores ao servizo da sanidade pública galega (PEF), enmarcado no convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria.

PUBLICIDADE