O Plan de Extensión da Banda Larga do Goberno leva cobertura ao 99 por cento da poboación

martes, 19 de maio do 2009 Raquel Noya

O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, que compareceu hoxe perante a Comisión de Entidades Locais do Senado, vén de facer públicos os resultados do Plan de Extensión da Banda Larga (PEBA) levado a cabo polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio no marco do Plan Avanza.
Segundo afirmou Ros, o PEBA, desenvolvido no periodo 2005-2008, tiña como obxectivo “conseguir a dispoñibilidade da banda larga en zonas rurais e ailladas do territorio español nunhas condicións técnicas e económicas similares ás existentes nas zonas urbanas” e o resultado non puido ser máis satisfactorio: “a cobertura da banda larga en España acada actualmente o 99 por cento da poboación”.
En total, máis de 8,36 millóns de cidadáns beneficiáronse deste Plan, que levou a cabo actuacións en 58.442 núcleos de poboación pertencentes a 5.706 concellos.
En Galicia, a poboación beneficiada foi de 1.231.126 persoas, dun total de 313 concellos distintos e 28.850 núcleos de poboación.
Este plan levouse a cabo en coordinación con iniciativas similares das CCAA e seguindo unha serie de principios xerais: equidade e cohesión territorial, preeminencia da iniciativa privada, libre competencia e neutralidade tecnolóxica.
Durante a súa comparecencia, o secretario de estado tamén se referiu ao Plan de Extensión da Telefonía Móbil, grazas ao cal se extendeu e mellorou a cobertura dun total de 5.747 núcleos de poboación, coa instalación de 5.036 estacións base. Estas actuacións beneficiaron a 1.102.906 habitantes.
Asemade, Ros detallou as actuacións en materia de cobertura realizadas no marco do Plan de Transición á TDT. Segundo os últimos datos dispoñibles, a cobertura da TDT sitúase xa no 94,83 por cento da poboación.

PUBLICIDADE