O Plan de Banda Larga 2010-2013 está a contribuír considerablemente a reducir a fenda dixital en Galicia

xoves, 16 de agosto do 2012 Redacción

Mar Pereira fixo balance dos avances do Plan de Banda Larga

A directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, vén de dar conta de que en menos de 2 anos máis de 63.000 fogares galegos se deron de alta en servizos de Internet grazas ás actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a desenvolver o ente autonómico. Esta información pon de manifesto a boa acollida dunha das iniciativas tecnolóxicas máis relevantes da Xunta para reducir a fenda dixital e impulsar o acceso ás máis redes máis modernas de telecomunicación.
O obxectivo do Plan é dotar de cobertura a toda Galicia en 2013. Con esta finalidade xa están en marcha todas as accións previstas no plan, priorizando o ámbito rural galego e impulsando ao mesmo tempo a extensión das redes de telecomunicación máis punteiras con velocidades de 100Mbps.
A día de hoxe,son xa arredor de 490.000 os galegos que poden acceder á internet de calidade e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. Isto supón reducir en preto dun 61% a porcentaxe de galegos sen cobertura antes do inicio do Plan. O despregamentos do Plan xa permitiron que o 90% dos galegos teña acceso a Internet fronte ao 70% de 2009.
A posta en marcha destas iniciativas conseguiu reducir a fenda dixital entre as provincias atlánticas e as do interior ata o 3,8%. Antes do Plan era do 15%.
Para chegar ás zonas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, o Plan contempla a cobertura vía satélite. É a quinta e última actuación do Plan que se puxo en marcha este ano a través dunha convocatoria de axudas publicada a principios do pasado mes de xullo.
A Xunta, a través da AMTEGA e AGADER investirá 1 millón de euros ata 2014 para facilitar a conexión a internet a máis de 2.100 familias e empresas situadas en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2 Mbps, mediante outra tecnoloxía. Sufragaranse con ata 500 euros os gastos de instalación e equipamento do usuario para poder conectarse á rede a través de satélite. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.
Dentro das liñas de axudas postas en marcha pola AMTEGA tamén cóntase cun programa para que as familias galegas con menos recursos económicos poidan contratar a conexión a Internet nos seus fogares.

PUBLICIDADE