O Plan de Alfabetización Dixital da CeMIT inclúe máis de 2.000 cursos para toda a poboación

luns, 5 de abril do 2010 Raquel Noya

Co principal obxectivo de promover a alfabetización dixital e o desenvolvemento da sociedade da información e a comunicación na nosa Comunidade, a Xunta de Galicia vén de por en marcha a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) que traballará en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) para facer que o uso frecuente das TIC sexa unha realidade en toda a poboación galega.
Esta Rede, posta en marcha, entre outras cousas, para coordinar as actuacións das distintas aulas públicas de acceso a Internet que hai en toda Galicia, está integrada por 60 aulas dependentes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e por outros 56 telecentros da Secretaría Xeral de Medios, ademais do devandito CNTG, da Consellaría de Traballo e Benestar.
En xeral, os seus obxectivos máis prioritarios, segundo informou hoxe a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, “son promover o uso das novas tecnoloxías na poboación, en especial naqueles colectivos onde a fenda dixital se fai máis evidente; fomentar a formación entre os profesionais galegos para que sexan capaces de dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo relacionados coas TIC; proporcionar plans formativos adecuados ás novas demandas tecnolóxicas, multimedia e audiovisuais; dinamizar as pemes e micropemes, amosándolles as vantaxes da de fomentar o uso das TIC no tecido empresarial e divulgar e capacitar os servizos da Administración Electrónica”.

Alfonso Cabaleiro, Mar Pereira e Ana Díaz, na rolda de prensa

Desta maneira, o Plan de Alfabetización Dixital da Rede, presentado hoxe, inclúe a celebración de máis de 2.000 cursos repartidos en 14 categorías temáticas, o que suporá máis de 15.000 horas de formación das que se beneficiarán, segundo palabras de Pereira, “arredor de 13.000 persoas” de diferentes colectivos, entre os que destacan os desempregados, as persoas maiores, as mulleres e as persoas con discapacidade.
Estas actividades formativas, que tamén teñen como público obxectivo aos empregados públicos e aos autónomos, van destinadas principalmente a dar cobertura ás necesidades detectadas na maior parte dos colectivos, facendo especial fincapé naqueles con máis dificultades para acceder ás novas tecnoloxías. Con este obxectivo realizaranse durante este ano uns 1.200 cursos de alfabetización dixital, o que supón máis do 60 por cento da formación impartida pola Rede. Tamén se desenvolverán diferentes accións especializadas e de carácter técnico para os profesionais TIC galegos, ocupados ou en busca de emprego, os cales recibirán cadansúa certificación oficial ao remate dalgún dos cursos.
A oferta de servizos da Rede comprende tres áreas, a formativa que pode ser presencial (cursos e obradoiros) ou on-line (básica ou multimedia); de difusión con charlas e xornadas de sensibilización e divulgación das actuacións dos centros; e o servizo de aula aberta, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento dos centros co apoio e asesoramento dos dinamizadores.

PUBLICIDADE