O Plan ÚNICO dotou de banda larga 124 fogares e negocios da Pobra do Caramiñal

luns, 11 de setembro do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, trasladouse o pasado 8 de setembro ata o concello da Pobra do Caramiñal para coordinar xunto ao alcalde, José Carlos Vidal, o dispositivo de seguridade das Festas de Nazareno, que se celebran até o 18 de setembro. A subdelegada aproveitou a súa visita para pór en valor os investimentos que, grazas ao Plan de Recuperación, o Goberno levou a cabo nos últimos anos no municipio.
Entre eles destacou o proxecto de recuperación do bordo litoral da Ribeiriña (actualmente en execución e que conta cun investimento de 800.000 euros, actuación que fixo posíbel xa a recuperación dos terreos de dominio público marítimo terrestre, cedidos no seu día á empresa da Onza de Oro e HADASA e que comprenden 5.500 metros cadrados) ou as actuacións de posta en valor abeiradas ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), que, dotado con 1.355.911 euros,permitirá realizar as obras de rehabilitación do centro de ensino IES da Pobra do Caramiñal.
María Rivas lembrou tamén as axudas para eficiencia enerxética, 554.027 euros que permitiron a substitución da práctica totalidade da luminaria do concello co consecuente aforro nos fondos das arcas municipais.
A subdelegada do Goberno tamén quixo valorar o esforzo do Goberno por levar a banda larga aos 124 fogares e negocios da Pobra que unha actuación que contou cun investimento de 31.111,78 euros dentro do Programa UNICO do Ministerio de Asuntos Económicos.
Ademais, María Rivas fixo fincapé no investimento de 25.439,40 euros realizada polo Goberno en materia do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que ten como obxectivo consolidar e avanzar na erradicación da violencia de xénero.
A subdelegada do Goberno tamén aproveitou a súa visita á Pobra para destacar os investimentos do Goberno no Barbanza, que xa superan os 34,4 millóns de euros. Rivas subliñou que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, destinou 6,4 millóns de euros á comarca co obxectivo de avanzar cara a un turismo máis sustentábel e moderno e impulsar a dixitalización do sector. Así, lembrou que a Mancomunidade de Municipios do Barbanza, da que forma parte o Concello da Pobra xunto cos de Boiro, Rianxo e Ribeira, obtivo 976.800 euros dentro da iniciativa Traslatio Experiencial. Ruta Mar de Arousa río Ulla, destinada a dixitalizar e modernizar as entidades locais que forman parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes do Camiño de Santiago para “mellorar a atención e experiencia do peregrino na súa travesía”.
A subdelegada tamén lembrou que actualmente se están a executar as obras para mellorar a accesibilidade ao edificio do INSS coa instalación dun ascensor novo e que tamén alberga a Biblioteca Municipal. O investimento supera os 41.000 euros e está financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Nesta mesma liña, María Rivas destacou os 1,5 millóns de euros concedidos á Mancomunidade para o desenvolvemento do seu Plan de Sustentabilidade Turística, que pretende “reforzar a oferta de turismo activo a través da oferta enogastronómica da comarca”. Neste caso, recordou, o plan contempla o desenvolvemento dunha experiencia inmersiva a través de Realidade Aumentada para mostrar a transformación de industria de salgadura á conserveira no Barrio dos Cataláns.
A subdelegada tamén quixo destacar os investimentos realizados no Concello de Ribeira, que ascenden a un total de 4,1 millóns de euros, para mellorar a seguridade e a calidade de vida do municipio. Este investimento divídese en 3,1 millóns de euros do Ministerio de Interior, que foron destinados á construción dunha nova comisaría de Policía para fortalecer e garantir os servizos de seguridade, e 1 millón de euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para actuacións de mobilidade sustentable que favorezan á calidade de vida do municipio.

PUBLICIDADE