O Plan Galego de I+D+i renovarase antes de rematar o ano

mércores, 17 de novembro do 2010 Redacción

O director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, garantiu hoxe que o novo Plan Galego de I+D+i estará aprobado antes de que remate o ano, continuando co cambio de paradigma na xestión da investigación o desenvolvemento e a innovación, «que pasa por extremar a eficacia dos investimentos, cunha xestión onde se extremen os mecanismos de control dos recursos públicos de cara a garantir o retorno dos investimentos e a súa capacidade para xerar riqueza».
Esta filosofía verase reflectida, lonxe de mensaxes alarmistas, no novo plan galego de I+D+i, que permitirá enfrontar o novo exercicio baixo os parámetros de estabilidade e eficacia para acelerar a transición cara un modelo baseado no coñecemento que implica unha forte aposta pola innovación na empresa.
O novo Plan Galego de I+D+i incorporará liñas de actuación especificamente dirixidas á empresa darase soporte ao aumento da competitividade económica con base na innovación. Polo que se refire aos organismos de investigación, o acento porase na optimización da transferencia de resultados da I+D ao sector produtivo, o que reverterá directamente no aumento dos seus recursos propios para continuar o seu labor científico.

PUBLICIDADE