O Pentágono destinou 100 millóns de dólares a poñerlle freo aos ataques en liña

mércores, 8 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Está claro que en cuestión de ciberataques, sempre ten máis posibilidades de recibilos quen os vai sementando. Neste senso, a Rede funciona unha vez máis coma un espello do que acontece na vida real: quen está interesado en danarte polos medios tradicionais, tamén vai tentar facelo polos dixitais. Desta teoría semella estar ben ao tanto o Goberno dos Estados Unidos, até hai pouco no punto de mira dunha boa parte das organizacións terroristas do mundo e hoxe con toda este arsenal en suspenso á espera de ver cara a onde se move o seu novo presidente. Leas aparte e segundo fontes oficiais, o Pentágono foi un dos organismos que máis tipo que blindar a súa face dixital. Tanto foi así, que o seu gasto en materia de prevención contra ciberataques foi de 100 millóns de dólares ao longo dos seis últimos meses, labor que se traduciu en loita e defensa contra ataques de todo tipo pola vía de Internet.
Segundo veñen de sinalar representantes militares do país (declaracións das que se fai eco Cnet), o Pentágono está lonxe de quitarlle importancia á cuestión: “Cómpre recoñecer que estamos baixo unha ameaza de ataques sofisticados con certos elementos criminais”, declarou o xeneral Kevin Chilton, director do Strategic Command do país durante un discurso nunha conferencia sobre seguridade en liña.
A cousa non é para menos: hai só uns meses, Defensa viuse obrigada a desconectar 1.500 equipos por mor de actividades terroristas en liña, prohibindo a maiores o emprego de dispositivos de tipo USB ou discos duros polo seu elevado potencial como transmisores de virus. Volvendo á cifra dos 100 millóns que o Goberno dos EE UU destinou a previr ataques deste tipo, cómpre sinalar que foron encamiñados a mellorar o equipamento informático, os contratos e reparación de ataques externos e os errores de tipo interno.

PUBLICIDADE