O Pebble faise compatible con notificacións de Android Wear

martes, 17 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Mentres os smartwatches de compañías como Motorola e LG non conseguen despegar en vendas, o trebello pioneiro do segmento, o Pebble, continúa a mellorar para non perder pulo, actualizando periodicamente o seu firmware e as súas aplicacións para iOS e Android, experimentando agora un grande avance: a compatibilidade de Pebble con Android Wear abandona a súa fase de probas e pasa a ser oficial. Deste xeito, os usuarios dun Pebble poderán responder e actuar ante unha notificación dende o reloxo de pulso.
Para poder gozar destas novas funcionalidades hai que ter instalado no Pebble o firmware lanzado a semana pasada (versión 2.9) e a última aplicación de Pebble para Android. Entre as funcionalidades agora dispoñible está o responder a unha notificación con respostas pre-fixadas ou responder a unha mensaxe de Hangout cunha emoticona; aínda que non só os usuarios de Android poden beneficiarse dos avances do Pebble, senón que en iOS tamén están a engadir a posibilidade de interactuar con notificacións compatibles con accesorios Bluetooth (para poder ir marcando as notificacións como recibidas).

PUBLICIDADE