O Pazo de Feiras de Lugo acollerá a conexión a Internet máis grande nunca aplicada a un recinto da súa índole

venres, 12 de abril do 2013 Redacción

Esta fin de semana o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo constitúese oficialmente como Pazo Dixital Europeo. Máis polo miúdo, a partir das 19.00 horas deste venres, que é cando está prevista a inauguración e, tamén, a explicación desta transformación. Na cita estarán Rubén López Fernández, director do pazo, Pablo Rivera, director do Departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación de Lugo e máis diversos representantes e profesionais das administracións locais e das empresas TIC da nosa terra. Cómpre lembrar que este ano en curso o recinto feiral celebra o seu 15 aniversario, e a intención é festexalo con algo innovador e que poña ao palacio en boca de tódolos seareiros das novas canles de comunicación. Máis polo miúdo, o que se pretende coa proposta Pazo Dixital Europeo é dotar ao recinto da conexión a Internet máis grande nunca aplicada a unha infraestrutura destas características.
De aí polo tanto o devandito sobrenome, unha etiqueta que, a xuízo dos organizadores do evento, resume e sintetiza á perfección do proxecto que as empresas Intermax (con sede en Melide) e Copcisa (A Coruña) desenvolveron para a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo coa colaboración do seu director, Rubén López Fernández. “O ambicioso proxecto Pazo Dixital Europeo”, informan os responsábeis do recinto, “estará dotado cunha capacidade de 10.000 Mbps coa tecnoloxía Nexus Fiber Optics de Intermax Technology, que instalará unha rede de fibra óptica e unha rede 10 Xigabit Ethernet, con routers de alta capacidade con máis de 10 núcleos de procesador”. O recinto contará coa última innovación en conexións sen fíos, a nova tecnoloxía WI-FI AC -estándar presentado a nivel mundial hai 10 meses- que ofrece unha velocidade de 1500 Mbps, a xuízo da devandita empresa, única en Europa.
Con estes equipamentos crearase, entre outras cousas, a estrutura precisa para o desenvolvemento de todo tipo de eventos tecnolóxicos e innovadores que requiran altas capacidades de acceso e conexión. Por exemplo, a celebración da Campus Party, unha xuntanza itinerante de seareiros da informática, de España e do ámbito internacional, que comparten todo tipo de contidos e experiencias tecnolóxicas ao longo dunha fin de semana de convivencia. A edición luguesa da Campus Party, informa a dirección do Pazo de Feiras, daría acubillo a máis de 5.000 participantes. Amais disto, a nova infraestrutura fará posíbel o mantemento de catro salas de comunicación interconectadas e ofrecerá solucións de conectividade avanzada ás empresas que teñen o seu emprazamento físico no viveiro do Pazo. Salientar tamén que o recinto terá ao alcance da man, en virtude da devandita tecnoloxía, a posibilidade de retransmitir os eventos alí acollidos a través de 30 cámaras simultaneas que ofrecerán imaxes en HD (High Definition) a todo o mundo.

PUBLICIDADE