O Patrimonio dos Centros Galegos no Exterior, ao alcance dos internautas

martes, 14 de abril do 2009 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Emigración vén de rematar os traballos de migración da súa web que dende hai uns días viña levando a cabo, e dende esta mesma mañá xa se atopa de novo activa a través do enderezo web galiciaaberta.com.
No mesmo acto de presentación da nova ferramenta, que agora é, entre outras cousas, máis actual e accesible, o secretario xeral, Manuel Luís Rodríguez, aproveitou para presentar o Catálogo do Patrimonio dos Centros Galegos no Exterior, unha recompilación das obras artísticas que se atopan nos centros galegos máis senlleiros da nosa diáspora e que poderán ser consultadas a través da devandita web por calquera interesado.
Segundo veñen de anunciar técnicos de emigración da Xunta de Galicia, durante o inventariado de material que a Secretaría Xeral de Emigración realizou en doce centros galegos de América e a Península, “atopáronse dous inéditos de Castelao” que tamén se inclúen no devandito catálogo.
Esta é unha iniciativa do organismo público que pretende continuar coa recompilación do Patrimonio dos Centros Galegos de todo o mundo.

PUBLICIDADE