O Partido Popular enfróntase ao efecto Streisand en plena campaña electoral

martes, 21 de xuño do 2016 Marcus Fernández

A última hora da mañá os responsables do medio satírico El Mundo Today deron conta da recepción dunha comunicación por burofax do director da asesoría xurídica do Partido Popular solicitando a retirada da páxina web baixo o dominio Rajoypresidente.es, asegurando que en caso de negativa emprenderanse accións legais, o que levou aos creadores de tal páxina web claramente paródica a evitar problemas e baixar o pano, non sen antes alertar do acontecido, provocando un intenso efecto Streisand, ou sexa, que o intento de ocultar unha información provocou a súa exhibición masiva, conseguindo así o efecto contrario ao perseguido.
Dende El Mundo Today deixan claro que Rajoypresidente.es é unha páxina satírica, e non leva a confusión, como podiamos ver claramente ao consultar frases do candidato popular sacadas totalmente de contexto, unha escolma de comentarios ridículos publicados en Twitter, unha relación dos bebés Bicados por Rajoy durante a campaña electoral (entre os que se atopa Íñigo Errejón), carteis electorais ridículos... contidos que nas últimas horas difundíronse de xeito intensivo ante o temor de que desaparecesen da Rede para sempre, polo que o requirimento de eliminación de contidos do PP só pode considerarse unha torpeza, que amais está a ser aproveitada polos outros partidos políticos, que aseguran gustar das parodias que fixeron das súas campañas, como Izquierda Unida, formación que incluso fixo humor sobre o tema.
A parodia da campaña de Unidos Podemos, baixo o dominio iupodemos.com, ofrece puntos programáticos ridículos como que “os que parezan o señor do Monopoly pagarán máis impostos” ou “promoveremos a participación cidadá a través de mensaxes SMS en La Sexta Noche”, gran graza coa idade de Íñigo Errejón anunciando que emprenderá distintos actos de campaña en tendas da cadea Imaginarium e incluso aseguran que “non temos un programa, temos un mapa de Minecraft”, asegurando que as políticas de Podemos están a probarse en Minecraft, nun reino bautizado como Errejonia. De feito, levaron a broma até o punto de permitir descargar o mapa de Errejonia para a súa integración en Minecraft.
Con Ciudadanos non foron tan amables dende El Mundo Today, e a páxina web paródica Ciudadanos.lol opta por referencias á mitoloxía de H.P. Lovecraft, un estilo humorístico máis difícil de captar polo público xeral, pero que claramente tamén é un espazo satírico, na liña de como uns meses atrás fixeran co Partido Socialista, ao que dedicaran unha páxina web sobre a investidura de Pedro Sánchez, que simulaba ser unha invitación para unha voda entre o líder socialista e Albert Rivera, polo que ningún dos grandes partidos quedaría fóra da mirada crítica e cómica de El Mundo Today.

Dende Investidurapedrosanchez.es os responsables de El Mundo Today tamén fixeron burla do Partido Socialista

ACTUALIZACIÓN (22-6-2016): Dende El Mundo Today quixeron manter viva a polémica e lanzaron unha páxina web baixo o dominio esawebdelaqueustedmehabla.com que vén a ser unha versión de Rajoypresidente.es na que eliminan a imaxe de Mariano Rajoy e as súas mencións vense substituídas por "ese señor", "la persona que usted ha dicho" e outras expresións demagóxicas, de xeito que manteñen a pegada da súa campaña satírica (que está a captar moita atención, como demostrou o feito de que o acceso ás distintas páxinas web que citamos estivesen saturadas).

A páxina web de Rajoypresidente.es volve baixo un novo dominio e con pequenas modificacións que buscan manter a sátira viva.

PUBLICIDADE