O Partido Pirata consolida as súas opcións de obter escanos no Parlamento Europeo

luns, 25 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede xa non é só Rede. Discutindo acerca dela discutimos sobre a natureza mesma da liberdade: onde comeza? Como se expresa e se garante? Este compoñente transcendente e inevitable da Internet foi, sen ir máis lonxe, o que vén de facer medrar en seguimento e participación a unha das agrupacións políticas máis excéntricas do presente panorama preelectoral europeo: o Partido Pirata. O colectivo, que procede de Suecia (non é casual que así sexa, tendo en conta que neste país se desenvolveu o xuízo contra o buscador de redes abertas en liña The Pirate Bay por terlle dado azos á libre descarga de arquivos), xorde como o seu nome indica co obxectivo de defender unha Internet como exemplo de liberdade total, sen ningún tipo de atranco que se interpoña entre o usuario e aquel anaco de información e coñecemento polo que devece: cancións, obras literarias, xogos ou filmes.
O Partido Pirata, que tamén inclúe nas súas proclamas a redución dos prezos dos soportes dixitais (co fin de que todo o mundo teña acceso á cultura con independencia da súa economía), está a obter tanta repercusión no seu país e en Europa enteira que xa hai quen lle garante escanos no Parlamento Europeo. Número deles? Non se sabe aínda cantos, pero o que si se sabe é que arestora é a terceira forza política do país, cun 8% de intención de voto.
Polo que conta El Navegante facéndose eco de declaracións feitas a The Times polo que se podería considerar o líder da agrupación, Christian Engstrom, ao colectivo semella ter ambición de abonda: o seu obxectivo é, polo de agora Suecia, pero en breve darán o chimpo a Europa e, máis adiante, din, ao mundo enteiro. Pulos non lle faltan: teñen tras de si a un importante feixe de usuarios da Internet, ás asociacións que promoven o uso libre da plataforma e, en definitiva, a todos aqueles que se indignaron cando a xustiza, recentemente, decidiu condenar aos responsables de The Pirate Bay a un ano de cadea e a pagar unha multa de 2.7 millóns de euros. Arestora, o Partido Pirata conta con preto de 50.000 membros. O seu programa, como é de agardar, céntrase polo de agora no eido das comunicacións (asegurándolles un escenario de respecto polo usuario), pero non se descarta que partan de aí para construír un ideario que sexa quen de abranguelo todo: o virtual e aquilo que lle deu forma, a vida que nos rodea.

PUBLICIDADE