O Parlamento recibirá este mes novos computadores con Windows

martes, 13 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Parlamento de Galicia vai recibir o vindeiro día 23 os seus novos computadores, co sistema operativo Windows instalado. Isto producirase unha semana despois da constitución da Cámara da novena lexislatura, cos seus 75 escanos electos. Os ordenadores foron mercados a través dun concurso público de urxencia posto en marcha en setembro, coa finalidade de adquirir 85 portátiles coas súas impresoras. A medida está a ser cuestionada porque as deputadas e deputados non van ter opción de elixir o sistema operativo dos equipos, logo de que nas bases do concurso se pedise, precisamente, a presenza de Windows 7 na versión profesional, cousa que tamén afectaría ás impresoras (que deben achegar compatibilidade coa dita ferramenta de Microsoft). A isto, sinálase, súmanse elevados gastos en licenzas por programas privativos.
A este baleiro nas opcións posíbeis a elixir (opcións perfectamente válidas e operativas a través do software libre, na liña do sistema Ubuntu que se está a empregar, con total éxito, nos centros educativos a través de Abalar, o programa da Xunta da Galicia para a dixitalización das aulas), cómpre engadir o estancamento no que, segundo apunta A Mesa pola Normalización Lingüística, ficou parado o compromiso do Parlamento (achegado en abril de 2011) para garantir a a atención na nosa lingua como un requisito para a vindeira concesionaria de telefonía móbil no Parlamento. Como sinalamos a comezos de outubro reflectindo fontes de A Mesa, o compromiso “ficou parado coa Cámara anovando o contrato de telefonía sen incluír nin tan sequera a opción de que o galego estea presente nos terminais, a pesar de que tal opción existe no mercado”.

PUBLICIDADE