O PP pide que os pais poidan coñecer as actividades dos seus fillos nas plataformas de redes sociais

venres, 4 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Para cumprir coa lexislación española Tuenti tivo que facer unha purga de usuarios menores de 14 anos, pero a protección dos menores nas redes sociais non para de dar que falar, e agora é o Partido Popular o que bota máis leña ao lume ao propor no Congreso dos Deputados a modificación da Lei do Menor para incluír a recomendación de que os pais de menores de entre 14 e 18 anos poidan ter coñecemento das actividades dos seus fillos nas plataformas de redes sociais, o que non implicaría a obrigatoriedade do consentimento paterno para acceder tal e coma publicaron moitos medios nas últimas horas e o que ocasionou certo rebumbio.
Pero aínda que a iniciativa do PP poida prosperar, a medida sería tecnicamente moi complexa, pois non hai precedentes internacionais de algo semellante, e as plataformas existentes non están preparadas para ningún tipo de control paterno.
De todos os xeitos, as medidas de control sobre redes sociais, pese a facerse na procura da protección dos menores, non están a recibir boas críticas, e moitos xa consideran que os avances nesta direccións serían actos de censura, que resultarían sumamente arbitrarios pois estarían a pórse uns atrancos a servizos coma Tuenti ou Facebook que non existen noutros ámbitos sociais.

PUBLICIDADE