O PLADIGA 2022 incorpora importantes melloras tecnolóxicas no dispositivo anti-incendios

venres, 8 de xullo do 2022 S. P.

Reducir ao máximo posíbel as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais. Este é un dos grandes obxectivos do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) para este ano 2022. Ao abeiro deste obxectivo, o documento incorpora catro ámbitos diferentes de planificación: prevención; detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; extinción e formación.
O PLADIGA 2022 é un plan en continuo crecemento e proceso de mellora. Froito desta renovación e desta actualización, achéganse este ano unha serie de novidades relevantes, entre as que se inclúen melloras organizativas do dispositivo, a ampliación da rede de vixilancia fixa, avances tecnolóxicos e novas funcionalidades na loita contra o lume, o impulso á Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) ou a actualización das parroquias de alta actividade incendiaria.
En relación co primeiro aspecto, vinculado coa mellora da organización, deuse forma ao Sistema Estrutural de Mando Operativo, coa finalidade de mellorar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada. Este sistema busca liberar de tarefas secundarias ao director técnico de extinción de cada lume, reforzando o seu papel na coordinación do dispositivo.
Seis cámaras máis de vixilancia
Outra novidade ten que ver coa vixilancia fixa. Así, dentro desta rede increméntanse en seis as cámaras das que se dispón, en tres novas localizacións, co que se acada a cifra de 148 unidades en 74 localizacións. Estas cámaras contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal, con zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e baixo demanda, visión panorámica e altas capacidades de gravación.
No eido tecnolóxico, introdúcense novas funcionalidades canto á reconstrución do lume, aproveitando as máis de 4.000 emisoras coas que conta o servizo. Ademais, pódense xerar perímetros automáticos relativos á superficie afectada, o que permitirá predicir o potencial do lume e tomar decisións á hora de focalizar os medios nos puntos e momentos clave.
Aplicación formativa
Neste eido salienta a creación dunha nova aplicación de formación, que prové un repositorio multimedia unificado cos cursos impartidos ao persoal do dispositivo de incendios, material didáctico de consulta asociado, circulares e comunicacións de interese. Ofrece acceso por categorías e perfís, co fin de garantir unha accesibilidade personalizada en función das necesidades de cada posto de traballo. Outra mellora introducida no PLADIGA 2022 ten que ver coa modernización dos centros de coordinación, tanto do central, situado en Santiago, como do provincial de Ourense.
Parroquias de alta actividade incendiaria
En relación coas parroquias de alta actividade incendiaria, o plan identifica un total de 35, cifra idéntica á do ano pasado, pero co matiz de que 31 delas repiten respecto á anterior campaña. Así, catro destas parroquias saen da listaxe. Trátase das de Ribasieira, (Porto do Son), Covas (San Cristovo de Cea), Soutipedre (Manzaneda) e A Ponte (A Veiga). Outras catro parroquias entran na listaxe. Son as de Meiraos (Folgoso do Courel), A Gudiña (A Gudiña), O Pereiro (A Mezquita) e Calvos (Calvos de Randín).
En canto aos medios humanos e materiais mobilizados, estes mantéñense, en liñas xerais, en valores semellantes aos das últimas campañas. Así, o operativo estará integrado por máis de 7.000 persoas. Cabe destacar, en relación co parque de maquinaria, a renovación de 13 motobombas do servizo, que integrarán unha despregadura conxunta de preto de 380 destes vehículos. Ademais, mobilizaranse ata 30 medios aéreos, achegados tanto pola Xunta como polo Estado.
Lembrar a maiores que a Xunta investirá entre este ano e o vindeiro case 19 millóns de euros en vehículos e diverso material para o Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Galicia. Trátase tanto de motobombas e todo terreos como de equipos de protección individual, motoserras, rozadoiras e outros equipos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade.
No apartado da formación, a novidade reside na programación dunha serie de encontros en parroquias de alta actividade incendiaria. Iniciados durante o mes de xuño, teñen como fin concienciar e sensibilizar a poboación destas parroquias sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan para as persoas e para os bens, e como deben actuar ante un lume.
Con respecto ao Plan preventivo, a Xunta destina este ano un total de 33,1 millóns de euros a esta planificación, o que supón incrementar a súa dotación preto dun 13% respecto do exercicio anterior.

PUBLICIDADE