O PEGSI inclúe 17.5 millóns para afianzar a presenza do galego na Rede

martes, 13 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A Xunta vai dedicar máis de 17,5 millóns de euros a afianzar a presenza do galego nun dos ámbitos onde probablemente máis se xogue o seu futuro: na Internet, plataforma onde linguas como o inglés ou o castelán levan anos roubándolle osíxeno a unha manchea de idiomas, mesmo ás lusofonías (se consideramos o galego e o portugués como un “todo”). Con independencia das nosas conviccións particulares sobre a natureza do galego, tense constatado nus últimos anos unha tendencia nos medios de comunicación e nas webs empresariais de Galiza a ofrecer unha única face en Internet, face que nunha chea de casos non emite apenas sinais na lingua propia.
Esa é a base da que parte o PEGSI para fomentar os contidos en galego, previndo a multiplicación por cinco das subvencións á produción de contidos e de programas na nosa lingua, entre outras liñas de actuación.
O obxectivo do PEGSI é o seguinte: que a metade das empresas galegas publiquen a súa páxina en galego en 2010 (hoxe en día a proporción rolda o 25%, segundo informa a Xunta). Para acadalo, o Plano recolle un incremento das axudas, que pasarán a ser de máis de 3.000.000 millóns de euros en 2010 (sendo en 2006 de 600.000 euros).
A medida contemplada no PEGSI está a xerar opinións encontradas. En Chuza!, por exemplo, os usuarios están a criticar duramente o feito de que se teñan que beneficiar destas medidas proxectos que non terían por que ser subvencionados, ben porque se pode dar o caso de seren iniciativas de fóra (indo os cartos a parar lonxe da nosa terra) ou ben porque o galego non ten porque ser obxecto de ningún subsidio. Ademais, lémbranlle á Xunta que hai contidos en Internet que poden facer moito máis pola normalización cós estritamente comerciais (certos manuais ou blogs, por exemplo).

PUBLICIDADE