O OpenOffice 3.2, dispoñible en galego, mellora en velocidade no arranque e compatibilidade

luns, 15 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

Tal como avanzamos a semana pasada, xa está dispoñible de xeito oficial a versión galega da edición 3.2 do paquete ofimático libre OpenOffice. Segundo conta Mancomún facéndose eco dos traballos desenvolvidos os pasados días para acadar que a achega galega estivese perfectamente operativa, o que está dispoñible arestora é froito dun enleado traballo de corrección que chegou a dar como resultado que se publicasen cinco versións candidatas. Con todo, as tarefas deron o seu resultado e o paquete xa está dispoñible nas súas versións para Linux e Windows, habendo alternativas de abondo se queremos optar por outras linguas e outros sistemas.
A edición 3.2 do OpenOffice incorpora, entre outras melloras, meirande velocidade nos tempos de arranque, chegándose neste sentido a un incremento do 46% con respecto á versión 3.0. A maiores, procurouse unha maior optimización na interoperabilidade dos formatos e unha feitura o máis fiel posible en relación ao estándar ODF.
A serie de melloras non remata aí, posto que tamén se fixeron esforzos para acadar a máxima compatibilidade cos formatos propietarios de MsOffice XML, principalmente no que atinxe a sistemas salvagardados con contrasinal e a documentos cifrados.
Estes, sinala Mancomún, son os puntos fortes da nova versión atendendo a cada un dos elementos principais que integran o paquete, punto por punto:
· Writer: a integración con Mediawiki xa non vén incorporada no programa, senón que é unha extensión, o que permitirá mellorala, ou corrixirlle erros, sen necesidade de agardar polas novas versións da suite completa.
· Calc: melloras na xestión dos bordes de celda, aplicables agora a seleccións múltiples, melloras nas conversións numéricas a cadeas e no autocompletado permitindo a adicción se o número está escrito sen espazos, o que permitirá completar direccións IP do tipo 10.0.0.1 que seguirá por 10.0.0.2 de forma automática.
· Impress e Draw: agora é posible incluír comentarios para facilitar o traballo colaborativo e engadiuse un contador de páxinas.
· Base: As melloras neste aplicativo centráronse na personalización do asistente para crear as bases de datos, nas copias das consultas entre distintas bases de datos, na integración das opcións de zoom no menú e na importación de bases de datos.
· Chart: incorporouse a posibilidade de realizar gráficos con globos e mellorouse en xeral a usabilidade do aplicativo.

PUBLICIDADE