O OSIMGA inicia unha enquisa para coñecer a situación da eAdministración nos concellos galegos

luns, 15 de novembro do 2010 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, inicia a recollida de datos das novas enquisas sobre a administración electrónica nos concellos de Galicia correspondentes ao ano 2010. Este traballo de campo, será realizado en estreita colaboración coa Oficina Técnica eConcellos, dentro do marco estratéxico da Axenda Dixital 2014.gal.
Cos datos recollidos na enquisa o OSIMGA elaborará un Mapa da administración electrónica nos concellos de Galicia, un novo estudo que permitirá valorar a situación actual da administración electrónica realizando un seguimento máis profundo e unha diagnose máis detallada da evolución da Administración electrónica dos concellos galegos e das actuación e melloras necesarias para a súa modernización.
O estudo analizará a situación e grao de desenvolvemento da administración electrónica local, desagregando os datos segundo o número de habitantes e atendendo de maneira específica á necesidade de avaliar a implantación das actuacións e elementos nomeados na Lei 11/2007, do 22 de Xuño, de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos.
A sondaxe está enmarcada no Plan eConcellos, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas deputacións, os concellos e a Fegamp, para impulsar e coordinar as actuacións das administracións públicas galegas na oferta de servizos electrónicos aos cidadáns e organizacións da Comunidade.
Por vez primeira o Observatorio realiza a enquisa unicamente a través de Internet. Os concellos disporán dunha plataforma habilitada a través do portal de Eido local para cubrir os cuestionarios. Esta enquisa electrónica consta de tres módulos: Servizos electrónicos; Equipamentos, aplicacións e programas informáticos e Actuacións e Melloras.
A enquisa inclúe, entre outros, indicadores estatísticos relativos á dispoñibilidade de equipamento informático e de comunicacións, uso de aplicacións e plataformas da eAdministración e certificados dixitais. O estudo tamén proporciona información sobre os procedementos e trámites proporcionados polos concellos a través de Internet e as canles de comunicación para facilitar a participación dos cidadáns a través de medios electrónicos. Esta enquisa inclúe, ademais, indicadores específicos sobre o uso do software libre e o despregamento da banda larga nos concellos de Galicia.

PUBLICIDADE