O OPV máis avanzado do territorio estatal realiza as súas probas finais no Polo Aeroespacial de Galicia

mércores, 11 de novembro do 2020 S. P.

O Polo Aeroespacial de Galicia acolleu este mércores as probas finais de voo do Targus, o avión opcionalmente pilotado (OPV) de Indra e Xunta, segundo fixo saber o Goberno galego “o aparello das súas características máis avanzado dos desenvolvidos até o de agora en territorio estatal”. A aeronave, creada e deseñada no polo galego, está preparada para dar apoio en misións de busca e rescate, extinción de incendios, protección medioambiental e do territorio e control de usos do solo, entre outras aplicacións.
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, acudiu ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), en Lugo, para comprobar os traballos que se están a realizar co dron.
Segundo lembrou, os pasados meses de xuño e xullo, o Targus completou unha primeira serie de probas nas que “demostrou a súa capacidade para ser pilotado en remoto desde terra e voar de forma autónoma”. Agora, dixo, opera co seu sistema de misión completo, que se compón dun sofisticado radar e cámaras electroópticas e infravermellas xiro-estabilizadas que recollen e envían datos á estación de control en terra en tempo real.
As probas que se están realizando en Rozas lévanse a cabo cun dron de 1,25 toneladas de peso e 11 metros de envergadura, que está voando en espazo aéreo non segregado “coma se fose unha aeronave máis”, explicou Argerey, engadindo que se trata da primeira vez que un UAV obtén permiso para realizar uns voos coma estes.
Todas as probas se están levando a cabo baixo as condicións de voo aprobadas pola Axencia Europea para Seguridade Aérea (EASA) e co permiso de voo emitido pola Axencia Estatal da Seguridade Aérea (AESA) que autoriza a súa experimentación. Ademais, realízanse baixo un protocolo especial de comunicación establecido co control aéreo do aeroporto de Santiago de Compostela.
O Targus realiza todas as probas desta campaña cun piloto a bordo que se encarga de levar a cabo a manobra de despegue e aterraxe e de ceder á estación de control en terra o mando da aeronave unha vez no aire. Esta estratexia de desenvolver un dron que dá a opción de levar un piloto en cabina permitiu avanzar no proxecto a gran velocidade.

PUBLICIDADE