O OGSI publica o monográfico O uso de Internet nas redes sociais de Galiza

martes, 29 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

María Yáñez e Berto Yáñez, dous especialistas no emprego de Internet e con ampla experiencia en Chuza.org, son os autores deste monográfico no que se ofrece unha exposición clara e sinxela da expansión das redes sociais en Galicia grazas á aparición de Internet.
O uso de Internet nas redes sociais de Galiza traza unha breve historia dende os inicios das redes sociais e a súa potenciación a través do emprego das novas tecnoloxías e asemade analiza as novas ferramentas sociais que existen para que os galegos se comuniquen na Rede.
Coa publicación deste estudo, o Observatorio Galego inicia a edición dunha serie de dossieres de carácter divulgativo elaborados por grupos de expertos sobre diversos aspectos da Sociedade da Información co obxectivo de achegar este coñecemento á sociedade galega.
Os blogs e fotoblogs ou páxinas como MySpace ou Facebook son algunhas das novas tendencias analizadas nesta publicación como exemplo dos novos xeitos de organización social que se está a dar na Rede. Entre as redes sociais de novas, o estudo destaca a Chuza.org como “unha das webs máis consolidadas e con maior tráfico de novas e usuarios”. Por outra banda, a Galipedia, versión en galego da wikipedia, é outro dos fenómenos que o dossier destaca pola súa gran achega de contidos propios, con información de ámbito galego que non se pode atopar en ningunha outra wikipedia do mundo.
O xeito de publicación destes informes correspóndese coa iniciativa CES-LA2-I4 Acceso libre aos contidos de orixe pública, do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). Os monográficos distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do Observatorio Galego.

PUBLICIDADE